Volver

Galicia Mar 08, 2018

8 de marzo: día Internacional da Muller


A igualdade comeza pola educación.

Eduquemos!

NO DÍA DA MULLER, ANPE QUERE REALZAR A IMPORTANCIA DO PAPEL DA MULLER, A súa PARTICIPACIÓN NA SOCIEDADE E O seu DESENVOLVEMENTO ÍNTEGRO COMO PERSOA

Con motivo da celebración, hoxe 8 de marzo, do Día da Muller- declarado como tal pola ONU en 1997 en homenaxe ás mulleres pioneiras na loita pola igualdade de dereitos- ANPE quere destacar a importancia da educación para a consecución plena da igualdade de dereitos e oportunidades entre os homes e as mulleres.

Desde ANPE estamos convencidos de que a educación, o coñecemento e a cultura son as claves nos avances de igualdade efectiva entre homes e mulleres e peza esencial para combater a vulnerabilidade e dependencia da muller en moitos contextos sociais que aínda existen. A tarefa que levan a cabo os docentes na aula é o maior impulsor destas aprendizaxes. Ademais, a presenza feminina no ensino é unha constante en España e Europa. No documento de datos e cifras que presenta o MECD todos os anos, no último informe reflicte na táboa de distribución do profesorado de EE. de Réxime Xeral non universitarias por sexo referente ao Curso 2015-2016 que un 71,6% son mulleres fronte ao 28,4% de homes. A educación pode ser considerada a área na que as mulleres obtiveron os maiores logros nas últimas décadas. Non podemos esquecer ás profesionais da Educación que foron pioneiras no acceso aos estudos superiores como ao mundo laboral achegando visibilidade á muller como membro de pleno dereito da sociedade. Unha profesión imprescindible, con gran relevancia e responsabilidade social.

Desde a educación podemos visibilizar máis referentes femininos no progreso científico e social, alentar e animar ás mozas para explorar as carreiras científicas, promover a participación e o liderado entre moitas máis iniciativas que contribúen a dar identidade, recoñecemento e igualdade de oportunidades á muller. Debemos seguir na loita e preparar ás novas xeracións para alcanzar o pleno dereito de igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres e, evitar con iso que se produza unha inxusta discriminación nos sectores laborais da sociedade.


#Acción sindical #Notas de Prensa

Volver