Volver

Galicia Abr 10, 2018

DOG - Comisión de servizos por Conciliación da vida familiar e laboral - modificación de datas de solicitude


DOG - ORDE do 3 de abril de 2018 pola que se modifica a Orde do 23 de febreiro de 2018 pola que se regula a adscrición de forma temporal, en comisión de servizos e por petición da persoa interesada, do persoal funcionario dos corpos docentes e do persoal laboral docente que imparte docencia en centros dependentes desta consellería, en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral (código de procedemento ED010A) (Diario Oficial de Galicia número 48, do 8 de marzo).

Tendo en conta as novidades introducidas por esta regulación con respecto á anterior, tanto no que se refire ao seu contido como ás normas de procedemento, e co obxecto de facilitarlles ás persoas solicitantes a adaptación á nova normativa, sobre todo no que atinxe ao uso de medios electrónicos na presentación de solicitudes, considérase oportuno introducir un réxime transitorio para a presentación de instancias para as comisións de servizos correspondentes ao curso escolar 2018/19.

Modifícase a citada Orde do 23 de febreiro de 2018 no sentido de introducir unha disposición transitoria única da seguinte teor:

«Disposición transitoria única. Prazo de presentación de solicitudes para as comisións de servizos en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral correspondentes ao curso escolar 2018/19

Para as comisións de servizos en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral correspondentes ao curso escolar 2018/19, o prazo de presentación de solicitudes será o comprendido entre o 23 de maio e o 5 de xuño de 2018, ambos incluídos. Para as persoas que superen o procedemento selectivo de ingreso ou acceso no corpo correspondente e estean pendentes de ser nomeadas funcionarias en prácticas pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o prazo será o indicado no punto 2 do artigo 7 desta orde».


#Docentes #Comisións de Servizo

Volver