Volver

Galicia Out 29, 2018

Convocatoria do curso de formación sobre o desenvolvemento da función directiva


DOGRESOLUCIÓN do 15 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca o curso de formación sobre o desenvolvemento da función directiva no ano 2018 que acredite para o acceso a postos de dirección en centros docentes sostidos con fondos públicos que impartan as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, de educación.

A Lei orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, modificou o artigo 134.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, incluíndo entre os requisitos para poder participar no concurso de méritos para a selección de directores e directoras de centros públicos "estar en posesión da certificación acreditativa de ter superado o curso de formación sobre o desenvolvemento da función directiva".

Esta formación está regulada no Real Decreto 894/2014, do 17 de outubro, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, en base ó cal se realiza este curso que acreditará para o acceso a postos de dirección en centros docentes sostidos con fondos públicos que impartan as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, de educación.

Ofértanse 150 prazas para toda a Comunidade Autónoma, aínda que se poderán ampliar de existir máis demanda entre o profesorado que cumple os requisitos para exercer a dirección de centros no vindeiro curso académico.

A Coruña e Pontevedra: 50 prazas 

Lugo e Ourense: 25 prazas

Poderá solicitalo todo o persoal funcionario dos centros docentes públicos que impartan as ensinanzas reguladas pola Lei orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación: o persoal funcionario de carreira terá prioridade na selección.

A inscrición e xestión realizarase a través da aplicación FProfe:https://www.edu.xunta.es/fprofe

O curso terá unha duración de 150 horas que se desenvolverán en rede, a través de Platega (https://www.edu.xunta.es/platega2), contando tamén con sesións presenciais que se realizarán de xeito centralizado. A súa temporalización está prevista para os meses de novembro a marzo do vindeiro ano.

Constará de sete módulos, que será preciso superar para obter a certificación, nos que se abordarán os seguintes bloques temáticos:

Módulo I (troncal). Marco normativo aplicable aos centros docentes.

Módulo II (troncal). Organización e xestión de centros docentes.

Módulo III (troncal). Xestión dos recursos do centro docente.

Módulo IV (troncal). Factores clave para unha dirección eficaz.

Módulo V (troncal). Rendición de contas e calidade educativa.

Módulo VI (específico). Módulo específico de Galicia.

Módulo VII (troncal). Proxecto de dirección.

Quen estea en posesión dun máster ou título de posgrao de carácter oficial sobre a dirección e xestión de centros docentes quedará exento da realización e avaliación de todos os módulos troncais, agás o referido ao Proxecto de dirección, e non computará a efectos das prazas ofertadas.

As persoas que xa teñan a habilitación ou acreditación, ou ocuparan o posto de dirección nos cinco anos seguintes á entrada en vigor da Lei 8/2013, de 9 de decembro, poderán facer o curso de actualización das competencias directivas, que se convocará nos vindeiros meses, para poder participar nos procedementos selectivos de direccións de centros públicos, e que terá unhas características similares pero cunha duración de 75 horas lectivas.

Resolución do 15 de outubro de 2018

 

 


#Funcionari@s #Selección Director@s

Volver