Volver

Galicia Feb 28, 2018

Anpe esixe a recuperación do salario perdido polos docentes desde 2010


ANPE ESIXE A RECUPERACIÓN DO SALARIO PERDIDO POLOS DOCENTES DESDE 2010 ADEMAIS DA DERROGACIÓN INMEDIATA DOS REAIS DECRETOS LEI QUE MANTEÑEN OS RECORTES SOBRE O ENSINO PÚBLICO E O SEU PROFESORADO

Para ANPE xa chegou o momento de restablecer ao profesorado as súas condicións económicas e laborais perdidas e compensarlle polo esforzo realizado durante a crise. Ademais, xa non estamos nun contexto de “extraordinaria e urxente necesidade” que xustifique o mantemento dos Reais Decretos-Lei 14/2012 e 20/2012 Fai xa oito anos que o Goberno do PSOE recortou brutalmente as retribucións do profesorado e, dous anos despois, en 2012, o Goberno do PP mantivo eses recortes e engadiu sucesivas conxelacións salariais e subidas por baixo do IPC, sen esquecer a supresión da pagas extras dende 2013 a 2017 sen recuperar. Todo isto supuxo unha perda dun 20% do poder adquisitivo dos docentes nos últimos anos e, desde ANPE, volvemos esixir un compromiso firme do Goberno para que sexa unha realidade esa recuperación salarial.

Ademais, desde ANPE esiximos ao Goberno o establecemento dunha cláusula de revisión salarial anual que permita o incremento automático das nosas retribucións en función do lPC, asegurándose así, que non se perda nunca poder adquisitivo. Tamén queremos lembrar que o profesorado do ensino público foi un dos colectivos de empregados públicos máis castigados pois, non só se reduciron as súas retribucións, senón que o seu horario de traballo viuse incrementado de maneira importante ao ter que atender a máis alumnos debido ao aumento do horario lectivo do profesorado, que implicou o ter que dar clase a máis grupos, unido, á súa vez, ao aumento das ratios de alumnos por aula.

ANPE esixe a derrogación do RD-Lei 14/2012 que impide reducir o horario lectivo do profesorado, ademais de dificultar as substitucións e manter outra serie de recortes que afectan directamente ao ensino público e ao seu profesorado.

ANPE esixe tamén a derrogación do RD-Lei 20/2012 que mantén os descontos salariais ao profesorado en situación de incapacidade temporal, castigando inxustamente aos docentes que se poñen enfermos.

Estes Reais Decretos Lei deberían ser derrogados de maneira inmediata, non só por ser lesivos para o ensino público e o seu profesorado, senón tamén por perder a xustificación legal da súa aprobación: “a extraordinaria e urxente necesidade” nun contexto de crise económica xa superado. Hai que lembrar que a Constitución Española só faculta ao Goberno para aprobar un RD-Lei neses casos de extraordinaria e urxente necesidade, co que, unha vez que a conxuntura da súa aprobación cambiou non ten sentido mantelos en vigor.

180228_nprecsalarial


#Acción sindical #Notas de Prensa

Volver