Convocatoria pública de dúas prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas


25 Mai, 2018

DOGORDE do 27 de abril de 2018 pola que se aproban as bases e se anuncia a convocatoria pública de dúas prazas nos lectorados de lingua, literatura e cultura galegas (procedemento ED110B).

Nos centros de estudos galegos na University of Oxford e na Universidade do País Vasco

A contratación por parte das universidades das persoas seleccionadas abranguerá, como máximo, un período que non excederá os tres anos.

O importe íntegro anual que percibirán os adxudicatarios tamén se indica, respecto de cada praza, no anexo II.

O programa de formación, que terá un marcado carácter práctico, estará integrado por actividades relacionadas coa: docencia, a programación e organización de tarefas, a investigación, a difusión e a promoción da lingua a literatura e a cultura galegas. As persoas adxudicatarias desenvolverán estas actividades, no marco do convenio asinado coas universidades de destino, baixo a dirección do responsable do centro de estudos galegos e en permanente coordinación con este.

Poderán participar nesta convocatoria as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

Estar en posesión da nacionalidade española ou de calquera dos países membros da Unión Europea.

– Non padecer enfermidade ou limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desenvolvemento das actividades obxecto desta convocatoria.

– Non superar os 35 anos de idade na data de remate da presentación de solicitudes.

– Non atoparse incluídas en ningunha das prohibicións sinaladas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Poderá solicitar todas as prazas ofertadas quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

Licenciatura en Filoloxía Galega.

Licenciatura en Filoloxía Románica, sempre que a primeira ou segunda lingua románica elixida fose o galego.

Grao en Lingua e Literatura Galegas.

Grao en Estudos de Galego e Español.

Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios.

Poderá solicitar a praza localizada no Reino Unido quen estea en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

• Licenciatura en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 27 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de Inglés.

• Grao en Tradución e Interpretación, sempre que, como mínimo, acredite 30 créditos en materias de galego e 21 créditos en materias da lingua oficial do país en que se localice o lectorado solicitado ou, no canto destes, 21 créditos en materias de Inglés.

2. Tamén poderán participar os lectores ou lectoras que, antes de rematar o período máximo de estadía, se visen obrigados a cesar na súa condición por causas alleas á súa vontade, sempre que esta circunstancia non derivase da resolución dun procedemento de tipo disciplinario.

3. Quedan excluídas aquelas persoas que sexan lectores ou lectoras de lingua, literatura e cultura galegas, ou que o fosen no seu momento, agás nos supostos de cobertura provisional previstos no artigo 14.

As solicitudes presentaranse no modelo normalizado recollido como anexo I nesta orde. O formulario da solicitude estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal, e na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, no enderezo http://www.lingua.gal/portada.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.