WEB - Erro na resolución definitiva do Concurso Xeral de Traslados do corpo de Mestres
Tras a publicación no DOG do pasado 22 de maio da resolución definitiva do Concurso Xeral de Traslados (CXT) do corpo de Mestres, detectouse un erro que, a día de hoxe, aínda non contou cunha resposta oficial clara por parte da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. A única comunicación ao respecto foi unha nota de prensa na que se atribúe a incidencia a "un fallo técnico no proceso de xestión informática que afectou a oito participantes", cualificándoa como unha "situación singular".
Cómpre salientar que, se ben o erro afecta directamente a oito docentes, as consecuencias poden estenderse a un número maior de profesionais, dada a complexidade dos procedementos e o efecto dominó que pode producirse na cobertura de prazas e na planificación dos destinos. Trátase, polo tanto, dunha situación cuxo alcance real resulta complexo de determinar neste momento, pero que require unha análise detallada e unha resposta axeitada por parte da administración.
Segundo a propia nota da Consellería, optarase por deixar vacantes as oito prazas afectadas, que serán cubertas de forma provisional no vindeiro Concurso de Destinos Provisionais, e volverán a ofertarse no próximo CXT.
Desde ANPE Galicia estamos a analizar xunto cos nosos servizos xurídicos as posibles implicacións legais desta situación, así como o seu impacto sobre os dereitos do profesorado afectado. Consideramos que calquera procedemento deste tipo debe desenvolverse con total garantía, transparencia e respecto ao principio de igualdade entre os participantes.
Para calquera dúbida ou aclaración, contacta con nós.