ANEXO
Medidas de prevención específicas aplicables na Comunidade Autónoma de Galicia
3.14. Realización de actos e reunións laborais, institucionais, académicos ou profesionais.
A realización de actos e reunións laborais, institucionais, académicas, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, poderanse realizar sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento, ben que se recomenda que se realicen de forma telemática sempre que sexa posible. Non se poderá superar o trinta por cento da capacidade autorizada do local. En calquera caso, deberase respectar un máximo de 30 persoas para lugares pechados e de 75 persoas se se trata de actividades ao aire libre.
Non obstante, poderase ampliar o límite indicado logo de autorización da Dirección Xeral de Saúde Pública, atendendo ás concretas medidas organizativas e de seguridade propostas e aos riscos de contaxio. Neste caso, a solicitude dos titulares, promotores ou organizadores das actividades, públicos ou privados, deberá ir acompañada dun plan de prevención de contaxios de acordo cos criterios sinalados no documento de recomendacións para eventos e actividades multitudinarias no contexto da nova normalidade por COVID-19 en España, elaborado polo Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias da Dirección Xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, do Ministerio de Sanidade, ou aqueloutros que o desenvolvan, modifiquen ou substitúan.
... Os establecementos de restauración de centros sanitarios ou de traballo que limiten a súa actividade aos traballadores deles ou, no caso dos centros sanitarios, tamén a acompañantes de doentes poderán manter o servizo de cafetaría, bar e restaurante. Non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade. O consumo dentro do local poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. A ocupación máxima será de catro persoas por mesa ou agrupación de mesas, e deberán ser todas elas conviventes ou persoas traballadoras que formen un grupo de convivencia estable dentro do centro de traballo.
No caso de establecementos de hostalaría situados en centros educativos, aplicaranse as regras previstas no parágrafo preferente para os docentes e traballadores do centro. O alumnado só poderá facer recollida de alimentos ou bebida. Estas regras non será aplicables aos comedores escolares, que se rexerán pola súa normativa específica.
4.2. Suspendese a actividade lectiva presencial durante o período a que se estenda a eficacia da medida, conforme o punto cuarto da orde, nos seguintes centros educativos de réxime especial:
1º) Escolas oficiais de idiomas.
2º) Escolas de arte e superior de deseño.
3º) Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais.
4º) Escola Superior de Arte Dramática
5º) Conservatorios de música.
6º) Conservatorios de danza.
7º) Escolas de música.
8º) Escolas de danza.
9º) Centros autorizados de deportes, centros autorizados de fútbol; centros autorizados de fútbol sala.
10º) Centros autorizados de artes plásticas e deseño.
11º) Centros autorizados de música e centros autorizados de danza, salvo que estean integrados en centros docentes que permanezan abertos e que limiten a súa actividade ao alumnado dos ditos centros docentes.
12º) Escolas de música privadas e escolas de danza privadas.