Cambio no Complemento de maternidade nas pensións de Seguridade Social e Clases Pasivas


03 Feb, 2021

BOEReal Decreto-lei 3/2021, do 2 de febreiro, polo que se adoptan medidas para a redución da brecha de xénero e outras materias nos ámbitos da Seguridade Social e económico.

Modificación do texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real Decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro. Modifícase o texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real Decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, da seguinte forma: Dáse nova redacción ao artigo 60.

ANPE INFORMACOMO NOS AFECTA O NOVO RD APROBADO POLO GOBERNO AO COMPLEMENTO DE MATERNIDADE ?

Por que se modificou? 

Unha das principais razóns do cambio atópase nunha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea ( TJUE) que en decembro de 2019 fallou a favor dun pai español que solicitara á Seguridade Social, sen éxito, cobrar o complemento por maternidade.

En que consiste esta modificación? Contémplase tanto no ámbito da Seguridade Social como no de Clases Pasivas, podemos resumila así:

Modifícase o texto refundido da Lei Xeral da Seguridade Social: As mulleres que tivesen un ou máis fillos ou fillas e que sexan beneficiarias dunha pensión contributiva de xubilación, de incapacidade permanente ou de viuvez, terán dereito a un complemento por cada fillo ou filla, debido á incidencia que, con carácter xeral, ten a brecha de xénero no importe das pensións contributivas da Seguridade Social das mulleres. O dereito ao complemento por cada fillo ou filla recoñecerase ou manterá á muller sempre que non medie solicitude e recoñecemento do complemento en favor do outro proxenitor e se estoutro é tamén muller, recoñecerase a aquela que perciba pensións públicas cuxa suma sexa de menor contía

Modifícase o texto refundido da Lei de Clases Pasivas do Estado: As mulleres que tivesen un ou máis fillos ou fillas e que sexan beneficiarias dunha pensión de xubilación ou retiro de carácter forzoso ou por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade ou viuvez no Réxime de Clases Pasivas, terán dereito a un complemento por cada fillo ou filla, debido á incidencia que, con carácter xeral, ten a brecha de xénero no importe das pensións das mulleres. O dereito ao complemento económico por cada fillo ou filla recoñecerase ou manterá á muller sempre que non medie solicitude e recoñecemento do complemento en favor do outro proxenitor e se estoutro é tamén muller, recoñecerase a aquela que perciba pensións públicas cuxa suma sexa de menor contía.

O importe non é unha porcentaxe sobre a pensión como ata o de agora, senón que é unha cantidade fixa anual distribuida en 14 pagas. Para este ano: 

Nº de fillos Importe anual/mensual
1 378€ / 27 € 
2 756€ / 54 €
3 1.134€ / 81 €
4 o máis 1512€ / 107 €
  • O importe do complemento fixarase cada ano na Lei de Orzamentos Xerais do Estado.
  • O complemento será satisfeito en catorce pagas.
  • O importe do complemento non será tido en conta na aplicación do límite máximo de pensións.
  • Non será considerado como ingreso ou rendemento de traballo. Non se terá dereito en caso de xubilación parcial.
  • Os complementos que se recoñecesen noutros réximes da Seguridade Social serán incompatibles entre si.
  • Afecta tanto ao persoal funcionario de carreira como ao persoal interino.
  • Este incremento estará en vigor mentres exista a “brecha de xénero”.
  • A súa aplicación afecta a quen se xubile a partir de agora. Aquelas persoas que teñen recoñecido o complemento por "achega demográfica", é dicir o antigo, seguirano cobrando como ata o de agora.
  •  Ha de achegar na SS ou MUFACE, segundo corresponda, a acreditación de nº de fillos/as [libro de familia, partida de nacemento, ou similar] 

Mantemento transitorio do complemento de maternidade.

A percepción do devandito complemento de maternidade será incompatible co complemento de pensións contributivas para a redución da brecha de xénero debendo optar entre un ou outro. Quen estivese percibindo o complemento de maternidade seguirao mantendo. (Clases Pasivas) Se o outro proxenitor ten dereito ao complemento para a redución da brecha de xénero, a contía mensual que lle sexa recoñecida deducirase do complemento de maternidade que viñese percibindo. (Clases Pasivas)

Que condicións deben cumprir os homes para acceder a este complemento? 

Os homes terán recoñecido o dereito a este complemento sempre que reúnan esta serie de requisitos:

1.Causar unha pensión de viuvez

2.Causar unha pensión contributiva de xubilación, incapacidade permanente e interromper ou ver afectada a súa carreira profesional con ocasión do nacemento ou adopción, conforme as seguintes condicións:

- Fillos/as nados ou adoptados antes do 31 de decembro de 1994, ter máis de 120 días sen servizos efectivos ao Estado [ou ter máis de 120 días sen cotización] entre os nove meses anteriores ao nacemento e os tres anos posteriores á devandita data.

- Fillos/as nados desde o 1 de xaneiro de 1995, o funcionario fose cesado no servizo activo ou tivese unha redución da xornada nos vinte e catro meses [ou que a suma das bases de cotización, para Seguridade Social] dos vinte e catro meses seguintes ao do nacemento ou resolución xudicial pola que se constitúa a súa adopción sexa inferior, en máis dun 15%, á dos vinte e catro meses inmediatamente anteriores.

- A suma das pensións recoñecidas sexa inferior á suma das pensións que lle corresponde ao outro proxenitor.