8 de marzo - Educación para avanzar cara unha sociedade máis igualitaria


07 Mar, 2024

WEBANPE pon en valor o papel da educación para avanzar cara unha sociedade máis igualitaria.

Comprometémonos cunha educación libre de desigualdades de xénero na que o respecto, a diversidade e a equidade sexan valores compartidos sobre os que construír o futuro.

Este 8 de marzo, Día Internacional da Muller, ANPE quere poñer en valor o papel esencial da educación para avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria e xusta.

A relevancia das mulleres no ámbito educativo está fora de toda dúbida. Segundo datos do informe “Igualdade en cifras”, editado anualmente polo Ministerio de Educación, o 67,2% do profesorado está conformado por mulleres. Nas ensinanzas de réxime xeral non universitarias, esa porcentaxe elévase ata o 72,4%, máis de dous puntos por riba do rexistrado dez anos atrás. Resulta especialmente significativo o aumento da presencia de mulleres en postos directivos dos centros públicos, con incrementos de arredor de 10 puntos porcentuais en só un decenio.

Sen embargo, queda aínda moito por facer: pese á maioría, a presenza de mulleres en postos directivos de centros educativos continúa sen corresponderse aínda co seu peso numérico no conxunto do profesorado; no ámbito universitario, as mulleres docentes seguen sendo minoría (43,3%); e a maior parte das opcións STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) seguen sendo cursadas moi maioritariamente por homes, tanto en secundaria como na Universidade.

Desde ANPE sumámonos ás reivindicacións deste Día Internacional da Muller coa firme convicción de que se debe continuar traballando para acabar coas fendas existentes, tanto dentro como fora do ámbito educativo. Moitas mulleres seguen sufrindo situacións de desigualdade en todo o mundo e precisan de actuacións decididas das institucións públicas e do resto de actores sociais. O lema escollido por Nacións Unidas para este 8M, “Investir en mulleres: acelerar o proceso”, fala ás claras da importancia de que as políticas e iniciativas impulsadas neste sentido se vexan acompañadas da financiación suficiente.

Desde a educación, é importante poñer en valor os avances que xa se conseguiron e o papel fundamental que neles desempeñou o profesorado, e, sobre esa base, redobrar esforzos para previr as violencias machistas, amosar desde idades temperás as situacións de desigualdade existentes, erradicar os estereotipos de xénero, visibilizar referentes femininos e promover os dereitos das mulleres. Soamente así poderemos conquistar novos avances e acadar que se trasladen ao conxunto da sociedade.

Este 8 de marzo, ANPE renova o seu compromiso cunha educación e unha sociedade libres de desigualdades de xénero nas que o respecto, a diversidade e a equidade sexan valores compartidos sobre os que construír o noso futuro.