Convocatoria de Licenzas por Formación


07 Xun, 2023

WEB - Resolución do 6 de xuño de 2023 pola que se convocan licenzas por formación para o período comprendido entre o 15 de setembro de 2023 e o 30 de xuño de 2024 destinadas ao funcionariado docente non universitario e se aproban as bases de concesión.

Persoas destinatarias:

Persoal docente que pertenza aos corpos que imparten as ensinanzas establecidas na LOE, destinado no período indicado en centros educativos públicos dependentes da consellería, de acordo coa seguinte prelación:
  • MODALIDADES INDIVIDUAIS
a) Persoal docente funcionario de carreira que non gozou de licenza por formación nas dúas últimas convocatorias (2020/21 e 2021/22) .
b) Persoal docente funcionario de carreira que gozou de licenza por formación nas dúas últimas convocatorias (2020/21 e 2021/22) .
c) Persoal docente interino.
  • MODALIDADES DE GRUPO
Con carácter xeral estarán conformados por persoal funcionario de carreira ou con non máis do 50% dos seus compoñentes persoal docente interino, aplicarase a seguinte orde de prelación:
1º.- Todos eles sen licenza nas dúas últimas convocatorias (2020/21 e 2021/22).
2º.- Algún sen licenza nas dúas últimas convocatorias (2020/21 e 2021/22).
3º.- Todos eles con licenza nas dúas últimas convocatorias 2020/21 e 2021/22).
Requisitos
a) Persoal docente funcionario de carreira.
1. Estaren en situación de servizo activo e prestando servizos ininterrompidos durante os cursos 2021/21 e 2022/23, e no 2023/24 seguiren tendo destino e exercendo docencia directa con alumnado en centros docentes educativos dependentes da consellería.
2. Non teren destino en comisión de servizos durante o curso 2023/24, agás o profesorado destinado en centros de ensinanzas artísticas superiores, o persoal das escolas oficiais de idiomas e o que estea a gozar dunha comisión de servizos por conciliación da vida familiar e laboral ou por motivos de saúde.
3. Cando as persoas participantes fosen beneficiarias dunha licenza por formación nalgunha das tres últimas convocatorias, a obtención da cualificación de apto no traballo desenvolvido será condición indispensable para a obtención dunha licenza nesta convocatoria.
b) Persoal docente funcionario en prácticas -  Non poderá gozar dela no período efectivo das prácticas.
c) Persoal docente interino. Para estes efectos entenderase como profesorado interino unicamente aquelas persoas que teñan nomeamento como tal ata o remate do curso académico correspondente.
Modalidades:
Convócanse 3 modalidades de licenzas por formación, todas elas retribuídas, por un período total de 500 meses, de acordo coa seguinte temática e distribución:
Modalidade 1. Proxectos para a elaboración ou actualización de materiais curriculares dixitais para segundo ciclo de educación infantil, educación primaria, ESO, bacharelato, FP e ensinanzas de réxime especial.
1.a. Proxectos individuais - Convocados: 130 - Duración: 3 meses
1.b. Grupos de traballo de dous ou tres membros -  Convocados: 170 - Duración: dun a tres meses
Modalidade 2. (- Temáticas preferentes modalidade 2 ) Proxectos individuais ou en grupos de traballo de dous ou tres membros para a creación de cursos non presenciais para a formación do profesorado dentro do modelo competencial da Rede de Formación e do marco da Competencia Dixital Docente. - Convocados: 130 - Duración: dun a tres meses
Modalidade 3. Proxectos individuais para a creación de materiais curriculares dixitais para os cursos de especialización das ensinanzas de FP.  Convocados: 70 - Duración: mes e medio (entre o 15 de setembro e o 31 de outubro de 2023)
Documentación necesaria
  • Solicitude segundo o modelo do anexo II da convocatoria.
  • Proxecto de traballo que se pretenda realizar durante o período da licenza, segundo o contido do anexo IV.
  • Ademais documentación específica para cada modalidade requirida na convocatoria.
Máis información -  licenzas.fprofe@edu.xunta.gal
Cuestións administrativas - 881 99 76 35
Modalidades de Secundaria (agás FP) - 981 52 24 11 (CAFI-Departamento Educación Dixital). 
Modalidades de FP - 981 54 02 09