WEB - Os alumnos en prácticas de Formación Profesional cotizarán á Seguridade Social, salvo FP intensiva
Real Decreto-lei 2/2023, do 16 de marzo, de medidas urxentes para a ampliación de dereitos dos pensionistas, a redución da brecha de xénero e o establecemento dun novo marco de sustentabilidade do sistema público de pensións, publicado o 17 de marzo de 2023, establece que:
“a realización de prácticas formativas en empresas, institucións ou entidades incluídas en programas de formación e a realización de prácticas académicas externas ao amparo da respectiva regulación legal e regulamentaria, determinará a inclusión no sistema da Seguridade Social das persoas que as realicen”. Por tanto, os alumnos de Formación Profesional, cando realicen as súas prácticas formativas, sempre que as mesmas non se presten no réxime de formación profesional intensiva, quedarán integrados no Réxime Xeral da Seguridade Social (excepto os que fagan prácticas a bordo de embarcacións, que o farán no Réxime Especial do Mar).
Da acción protectora da Seguridade Social queda excluída a protección por Desemprego, da cobertura do Fondo de Garantía Salarial e por Formación Profesional. No suposto das prácticas non remuneradas excluirase tamén a protección pola prestación de incapacidade temporal derivada de continxencias comúns.
Respecto ao cumprimento das obrigacións da Seguridade Social, no caso das prácticas formativas remuneradas, corresponderá á entidade ou organismo que financie o programa de formación, que asumirá a condición de empresario, para os efectos de altas, baixas e cotizacións. No caso das prácticas formativas non remuneradas, corresponderá á empresa, institución ou entidade na que se desenvolvan aqueles, salvo que se subscriba no convenio de cooperación que tales obrigacións corresponderán ao centro de formación responsable da oferta formativa.
En canto á cotización á Seguridade Social, estará bonificada nun 95% e queda excluída a cotización do Mecanismo de Equidade Interxeracional (MEI). No suposto de prácticas formativas remuneradas esta determinarase aplicando as regras de cotización correspondentes aos contratos formativos en alternancia. A base de cotización será a base mínima de cotización para o grupo de cotización 7. Nas prácticas non remuneradas a cotización “consistirá nunha cota empresarial por cada día de prácticas formativas por continxencias comúns e por continxencias profesionais, que terá en conta a exclusión da cobertura da incapacidade temporal derivada de continxencias comúns”.
Por último, os alumnos que estean a realizar prácticas con anterioridade á súa entrada en vigor, poderán subscribir un convenio especial, por unha única vez, que lles recoñeza o cómputo da cotización polos períodos de formación ou realización de prácticas realizadas antes do 1 de outubro de 2023, ata un máximo de dous anos.
ANPE, SINDICATO INDEPENDIENTE DA ENSINANZA PÚBLICA