Decreto para ordenación e currículo da educación PRIMARIA


26 Set, 2022

DOG - DECRETO 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

A avaliación da ensinanza da Relixión Católica e do Proxecto Competencial realizarase nos mesmos termos e cos mesmos efectos ca a das outras áreas da educación primaria, pero non se computarán nas convocatorias en que deban entrar en concorrencia os expedientes académicos.

A atribución docente do Proxecto Competencial correspóndelle ao profesorado de calquera das especialidades do corpo de mestres.

Disposición adicional cuarta. Tarefas extraescolares

1. Os centros docentes incluirán dentro da súa programación xeral anual, segundo o marco de autonomía pedagóxica e organizativa, as pautas e/ou os criterios xerais sobre o uso das tarefas extraescolares na etapa de educación primaria, de xeito que entronque co desenvolvemento adecuado das competencias clave do alumnado segundo os seus distintos procesos e ritmos de aprendizaxe, atendendo a un principio de progresividade ao longo da etapa educativa.

2. No caso do seu establecemento terase en conta un encaixe adecuado na vida das familias, de xeito que se facilite a participación activa destas na aprendizaxe e a adecuada conciliación da vida persoal e familiar, con respecto aos tempos de lecer do alumnado. Ao tempo fomentarase a responsabilidade das alumnas e dos alumnos na súa formación e a súa autonomía, en liña cunha cultura do esforzo e do traballo.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

1. Queda derrogado o Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante o anterior, será de aplicación nos cursos segundo, cuarto e sexto de educación primaria, durante o curso académico 2022/23.