A burocracia e a arte de convertir o fácil en difícil por medio do inútil


20 Mai, 2022

WEB Somos docentes, non burócratas!

 As administracións educativas, desde hai xa décadas, tomaron unha deriva burocrática que fai que en moitas ocasións cheguemos a cuestionarnos que tipo de educación estamos a darlles ós/ás nosos/as alumnos/as e si realmente, os estamos a preparar para afrontar os desafíos que un mundo laboral tan competitivo como  temos lles vai  esixir, ou, simplemente somos un oficinista máis na engranaxe do noso centro educativo.

“Se non se rexistra, non ocurre”, parece que o único que importa é que se vexa reflexado nun documento. Un exceso de papeis, formularios, planillas, trámites, actas, documentos, comunicados, proxectos curriculares, educativos…que como xa dixen imos incrementando. O tempo que os docentes adicamos “ós papeis” e procesos administrativos co fin de asegurar unha falsa calidade educativa que transparente o labor docente en detrimento dun bo labor educativo, como si iso fose preciso!! 

Os docentes debemos cumplimentar ó longo de todo un curso unha inxente cantidade de documentos administrativos que detraen o tempo da atención directa do alumnado, a preparación específica das clases e aos proxectos innovadores, sen que o docente teña constancia da súa utilidade para mellorar a calidade do proceso educativo.

Nós queremos dar clase, e atender o mellor posible ao noso alumnado e non pasar “media vida” cubrindo e revisando documentos do que deben e debemos facer. Cantas veces se cubren só con fins estadísticos, cantas veces enchemos cuestionarios, formularios, planillas que ninguen le nin supervisa!. Todo o que se fai ao redor da aula debe ser controlado, pero a maior parte das veces non co fin de mellorar o proceso de ensinanza-aprendizaxe senón cun afán fiscalizador que nada aporta a un ensino de calidade. 

A deriva burocrática na que caeu a educación convértese nun problema que ameaza ser irresoluble, que ten empeñadas as administracións educativas en transformar os docentes en oficinistas e administrativos que xeren inxentes cantidades de datos que aproveitan para presentar estadísticas coas que poder demostrar mediante gráficos, diagramas, pictogramas, dossiers… a efectividade da súa xestión e que a nos como docentes nada nos aporta na nosa capacidade de transmitir coñecementos e valores, que é a tarefa que a sociedade nos encomendou, facéndonos caer na impotencia e no desalento de vernos día tras día fiscalizados, sabendo que diso non depende o éxito ou fracaso educativo dos/as nosos/as alumnos/as.

Na escola burocrática, o procedemento é un fin en si mesmo. O bo docente xa non é o que ben sabe ou ben ensina, e o que mellor cumpre o proceso administrativo establecido.  QUE MÁGOA!

Debemos rematar XA esta “pandemia burocrática” analizando as razóns polas que o sistema educativo naufragou neste mar de documentos e impresos e alcanzou as desproporcionadas dimensións que engullen os docentes nun sinsentido de xestións e tramitacións que o alonxan do fin educador que a sociedade nos otorgou. 

Precisamos con urxencia un cambio radical das nosas administracións que nos garantan que a nosa función principal é a docencia, deixando as tarefas administrativas para persoal especializado nesas labouras. 

É imprescindible que non vexamos cercenada o noso insustituible labor de ensinar, con tediosas tarefas administrativas que constitúen a máis dañina agresión que se lle pode facer ao sistema educativo.

Gustaríame rematar cuhna frase de Carlos Castillo Peraza, escritor e periodista, que dícía: 

        “A burocracia e a arte de convertir o fácil en difícil por medio do inútil”. 

                                                                                          Julio Díaz Escolante, presidente de ANPE Galicia