() A Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), como organismo dependente da Administración autonómica, ten encomendados, entre outras funcións, o mantemento e soporte tecnolóxico das plataformas, sistemas e telecomunicacións da Xunta de Galicia, así como dos seus organismos e entidades dependentes, polo que está obrigada a garantir os medios técnicos e humanos para o desenvolvemento desta función.
Considerando o contexto actual de restrición da mobilidade en que, en atención a criterios e recomendacións das autoridades sanitarias, a Administración procedeu á habilitación de medidas de prestación de servizos en réxime de teletraballo por parte dos empregados públicos, resulta esencial continuar coa tramitación daqueles expedientes destinados a garantir o correcto funcionamento dos servizos corporativos, así como os vinculados á administración electrónica, sen que poida pretenderse a paralización das contratacións relacionadas cos aspectos indicados so pena de vulnerar os principios de eficacia e eficiencia a que debe orientar a súa actuación a Administración na xestión dos servizos públicos, ademais de que poderían quedar sen efecto as medidas organizativas adoptadas para facer fronte á evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19.
Do mesmo xeito e con base nos mesmos principios, resulta esencial continuar coa tramitación daqueles expedientes destinados a garantir a correcta prestación de servizos públicos á cidadanía, tanto durante a vixencia do estado de alarma actual como no momento inmediatamente posterior ao seu levantamento (entre outros, os destinados a garantir a dotación a alumnado e profesorado de equipamentos e contidos educativos para o vindeiro curso lectivo ou plataformas que precisan estar operativas ao finalizar do estado de alarma), coa finalizade de minimizar, na medida do posible, o impacto da evolución epidemiolóxica do coronavirus COVID-19 na esfera da cidadanía, xa que non resultaría admisible a paralización de servizos públicos.