Vixésimo quinto. Profesorado
1. As especialidades establecidas para impartir nos módulos profesionais dos ciclos formativos e cursos de especialización nos centros públicos, e as titulacións e os requisitos que debe cumprir o profesorado de centros de titularidade privada ou de titularidade pública doutras administracións distintas das educativas serán os indicados no correspondente real decreto que estableza o título e fixe os aspectos básicos do currículo.
2. Os ámbitos de Comunicación e ciencias sociais, e de Ciencias aplicadas serán impartidos polas especialidades docentes asignadas no anexo IV do Real decreto 286/2023, do 18 de abril, polo que se regula a asignación de materias en educación secundaria obrigatoria e en bacharelato ás especialidades de distintos corpos de funcionarios docentes.
4. O profesorado que imparta o módulo optativo de Habilidades comunicativas en lingua estranxeira en centros públicos deberá cumprir calquera dos seguintes requisitos:
a) Posuír a especialidade do profesorado da lingua estranxeira en que se imparta o módulo de Habilidades comunicativas en lingua estranxeira.
b) Ser profesorado con atribución docente no ciclo formativo que posúa a habilitación lingüística que corresponda ao nivel C1 do Marco común europeo de referencia para as linguas, de acordo coa normativa aplicable en Galicia.
5. O módulo optativo de Afondamento nas competencias profesionais poderá ser impartido por profesorado do centro educativo con atribución docente nas ensinanzas de formación profesional, en función das competencias que sexan abordadas e dos recursos dispoñibles no centro educativo. No caso de que o módulo estea orientado á aprendizaxe dunha lingua estranxeira, os requisitos do profesorado serán os mesmos que no módulo de Habilidades comunicativas de lingua estranxeira.
6. No caso do módulo de Inglés profesional, a competencia docente ou a afinidade entenderase demostrada polo profesorado con atribución docente no ciclo formativo que posúa a habilitación lingüística en Inglés que corresponda ao nivel C1 ou superior do Marco común europeo de referencia para as linguas ou, excepcionalmente, ao B2 cando non exista profesorado con C1.
Desde ANPE esiximos á administración que dote aos centros educativos do profesorado imprescindible para garantir unha educación pública de calidade. Abonda xa de medidas que só funcionan sobre o papel: a realidade diaria nas aulas é insostible e está moi lonxe do que se reflicte nos plans oficiais.