WEB - ANPE reúnese co representante do PSG/PSOE para trasladarlle a necesidade imperiosa de persoal de enfermería nos centros educativos
ANPE reclama unha vez máis a presenza de enfermeir@s nos centros educativos galegos. O sindicato ANPE insiste na necesidade urxente de que todos os centros escolares galegos conten cun profesional de Enfermería que poida atender de forma adecuada ao alumnado con necesidades sanitarias e a calquera outro que o precise nun momento dado.
Desde ANPE reclamamos á Xunta de Galicia que non siga eludindo esta responsabilidade e que destine os recursos económicos necesarios para facer realidade, canto antes, a implantación progresiva da Enfermería escolar.
Galicia conta actualmente con só 29 enfermeir@s escolares para atender a totalidade do alumnado, o que supón unha ratio de 1 por cada 6.368 alumnos, moi lonxe da recomendación europea dun profesional por cada 750 escolares. Esta situación é inadmisible, especialmente no contexto post-pandémico no que os problemas de saúde mental no alumnado se teñen agravado de maneira preocupante.
Desde ANPE levamos anos reclamando esta figura ao goberno galego e aos partidos da oposición, advertindo reiteradamente da gravidade da situación. Cada curso que pasa, os problemas de saúde nos centros educativos van en aumento, e xa non se pode seguir mirando para outro lado. É hora de que tanto os responsables da Xunta como o resto dos partidos que conforman o arco parlamentario galego deixen de ignorar esta problemática e actúen con responsabilidade.
Neste sentido, ANPE trasladou estas demandas directamente ao representante do PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia, coa finalidade de que este asunto sexa incorporado na axenda política e se poidan impulsar medidas concretas desde o lexislativo para avanzar cara á incorporación real da figura da enfermeira escolar nos centros. Así mesmo, estamos á espera de ser recibidos polo Grupo Parlamentario Popular e polo BNG, a quen tamén lles solicitamos formalmente un encontro para abordar esta cuestión de forma urxente e construtiva.
A figura da enfermeira escolar é clave para garantir unha atención sanitaria segura, profesional e inmediata ante calquera incidencia, desde a administración de medicación ata a resposta ante urxencias, pasando pola atención ao alumnado con enfermidades crónicas. Este persoal tamén pode exercer unha función educativa fundamental, promovendo hábitos saudables e colaborando na detección temperá de problemas de saúde física, emocional ou psicolóxica.
A ausencia desta figura non só repercute negativamente no benestar do alumnado, senón que tamén supón unha carga engadida para o profesorado, que se ve obrigado, en moitos casos, a asumir responsabilidades para as que non conta con formación específica, nin están recoñecidas nin reguladas normativamente, sendo de carácter voluntario segundo os protocolos vixentes.
Desde ANPE consideramos que investir en enfermeir@s escolares non é un gasto, senón unha garantía de seguridade, de equidade e de benestar. Trátase dun elemento esencial para facer dos centros educativos espazos realmente seguros, inclusivos e preparados para responder aos retos sanitarios actuais e futuros.
Contar cunha enfermeira ou enfermeiro en cada centro educativo non é un luxo, senón unha necesidade real e un investimento intelixente que repercutirá positivamente na saúde do alumnado, na tranquilidade das familias e no bo funcionamento dos centros.
Gabinete de Prensa de ANPE Galicia
615 22 63 71
galicia@anpe.es
Facebook ANPE Galicia
Twitter: @AnpeGalicia