WEB - ANPE Galicia reclama que non haxa Mentores/as ADIX de primeira e de segunda: Por que en Galicia merecemos menos?
O pasado día 3 de agosto de 2022 saíu publicada a Resolución do 2 de agosto de 2022, da Dirección Xeral do Profesorado e Recursos Humanos, pola que se realiza a convocatoria pública para a provisión de postos en comisión de servizos, de persoal funcionario de carreira docente en Andalucía para o desenvolvemento do Programa de Cooperación Territorial #CompDigEdu, dentro do marco da compoñente 19 'Plan Nacional de Capacidades Dixitais' do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia.
Na base novena da citada Resolución especifícase que a remuneración do traballo das ATD (Asesorías Técnicas Docentes, o que en Galicia denomínanse Mentores ADIX) será a correspondente á do seu posto docente no centro educativo de orixe cun compoñente específico por cargo desempeñado como posto de carácter singular (“Asesor de Formación”). Esta medida será de aplicación de igual forma ao persoal nomeado como ATD na Resolución do 7 de abril de 2022, da Dirección Xeral do Profesorado e Xestión de Recursos Humanos, pola que se resolve con carácter definitivo a convocatoria pública para a provisión de postos docentes para o desenvolvemento do Programa de Cooperación Territorial #CompDigEdu, dentro do marco da Compoñente 19 “Plan Nacional de Capacidades Dixitais” do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, que non obtivese un informe negativo.
O financiamento da remuneración das ATD farase con cargo aos Fondos Europeos procedentes deste Mecanismo. A nosa pregunta, desde o sindicato ANPE, é: Por que en Galicia merecemos menos? De xustiza é, a igual traballo e funcións, igual recoñecemento e percepción económica. Non se entende que o financiamento, en ambas as Comunidades, realícese con cargo aos mesmos fondos e existan estas diferenzas económicas que se manifestan nun agravio comparativo dos/as “Mentores/as ADIX” galegos/as que non perciben ningún compoñente específico por cargo desempeñado como posto de carácter singular. É máis, algúns/algunhas tiveron que renunciar a percibir os complementos de Xefaturas de Departamentos ou de Coordinacións, que estaban a desempeñar, debido ás novas funcións encomendadas. Desde ANPE Galicia pensamos que o traballo desenvolvido polos/as Mentores/as ADIX ao longo do pasado curso, desde o seu nomeamento para mediados de novembro, foi unha peza crave para axudar e asesorar a todos os centros educativos galegos nas distintas fases que implicaron a elaboración dos Plan Dixitais, como así se reflicte nas enquisas realizadas nas que se avaliaron as funcións que desenvolveron, ás que non escatimaron horas de dedicación con tempos moi escasos para poñelas en marcha, facendo de intermediarios/as entre a Administración e os centros educativos, poñendo a súa mellor disposición, vontade, sorrisos e paciencia para que as diversas accións encomendadas puidesen chegar a “bo porto”. Queda un horizonte moi amplo por seguir avanzando no ámbito DigCompEdu e DigCompOrg para facer dos nosos centros educativos Galegos, organizacións educativas dixitalmente competentes preparando, tanto ao profesorado, como ao alumnado e as súas familias para os retos tecnolóxicos presentes e futuros, posibilitando que Galicia sexa unha Comunidade punteira neste campo.
Desde ANPE Galicia somos conscientes que poñer en marcha este “Proxecto Experimental” na nosa Comunidade non foi fácil. Reivindicamos que o traballo e dedicación destes/as 78 compañeiros/as mereza o mesmo recoñecemento que os seus homólogos Andaluces.