Os centros docentes disporán dun prazo de 2 meses para adaptar a súa concreción curricular para adecuala aos cambios normativos na avaliación, na promoción e na titulación.
Co fin de garantir o dereito do alumnado a que o seu rendemento se valore consonte criterios de plena obxectividade, os centros docentes adoptarán as medidas precisas para facer públicos e comunicar ás familias os criterios de promoción e, de ser o caso, os criterios de titulación que resultarán de aplicación no curso 2021-2022.
1. Derróganse os artigos 2, 3 e 6 da Orde do 9 de xuño de 2016 pola que se regula a avaliación e a promoción do alumnado que cursa educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Derróganse os artigos 2, 5, 6 e 7, e os puntos 4, 5, 6, 7, 8 e 10 do artigo 4 da Orde do 21 de decembro de 2007 pola que se regula a avaliación na educación secundaria obrigatoria na Comunidade Autónoma de Galicia.
3. Derróganse os artigos 7, 9, 10 e 12 da Orde do 24 de xuño de 2008 pola que se desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.
4. Derrógase o artigo 10 da Orde do 5 de maio de 2011 pola que se regulan determinados aspectos relativos ao desenvolvemento do bacharelato e se complementa a normativa sobre esta etapa.
5. Derróganse todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.
>> Modifícanse os seguintes artigos da Orde do 19 de maio de 2021 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2021/22:
- A sesión de avaliación final ordinaria do alumnado do primeiro curso do bacharelato, a sesión da avaliación final de módulos do alumnado do primeiro curso dos ciclos da formación profesional básica, así como a sesión da terceira avaliación parcial do alumnado da educación secundaria obrigatoria deberán realizarse a partir do día 6 de xuño de 2022.
- Deberán realizarse a partir do día 23 de xuño de 2022 as sesións de avaliación final extraordinaria do alumnado do bacharelato e do primeiro curso dos ciclos da formación profesional básica, a sesión de avaliación final do alumnado da educación secundaria obrigatoria, as sesións da avaliación final de ciclo do segundo curso dos ciclos da formación profesional básica, e as sesións da avaliación final de módulos do alumnado dos ciclos formativos de formación profesional».
- As probas finais da convocatoria extraordinaria para o bacharelato e o primeiro curso da formación profesional básica realizaranse entre o 20 e o 22 de xuño de 2022.