ANPE recoñece e agradece o enorme esforzo d@s docentes galeg@s neste complicado curso


01 Mai, 2021

WEBNo Día Internacional do Traballo, ANPE recoñece e agradece o enorme esforzo dos docentes por continuar co proceso de ensinanza-aprendizaxe durante este complicado curso escolar.

O día 1 de maio conmemórase a nivel mundial o movemento daqueles traballadores pioneiros na reivindicación dunhas condicións de traballo máis xustas e dignas.

Con motivo deste día, ANPE quere recoñecer e agradecer o esforzo e a dedicación que os docentes están a realizar nas súas aulas día a día neste excepcional curso escolar, no que demostraron o seu compromiso co ensino público.

Do mesmo xeito que no último tramo do curso pasado, a complicada situación que se está vivindo debido á pandemia, levou aos traballadores e traballadoras do Ensino a afrontar a súa profesión nunhas condicións laborais, sociais e persoais excepcionais, que lles supuxo un enorme esforzo para dar resposta ao alumnado e conseguir manter o imprescindible ensino presencial.

Por iso, ANPE reivindica, neste día, a mellora das condicións sociais e laborais do profesorado, a dignificación da súa profesión e a recuperación efectiva da súa autoridade pedagóxica e didáctica. Para ANPE, é o momento de abordar a situación do profesorado e o seu futuro profesional, e demanda, como noutras ocasións, o desenvolvemento da profesión docente por medio dunha Lei da profesión docente e o Estatuto da Función Pública Docente que establezan un marco imprescindible para regular un novo modelo de acceso, selección e desenvolvemento da carreira profesional desde o ingreso ata a xubilación.

ANPE pide á administración educativa, grupos políticos, familias, axentes sociais, medios de comunicación, e en definitiva ao conxunto da sociedade, a dignificación do labor docente, e o recoñecemento do esforzo e a dedicación que os docentes están a realizar para levar a Educación a todo o alumnado.

Por último, ANPE quere recoñecer a contribución imprescindible que achega a docencia ao desenvolvemento de cada individuo e ao progreso social, convencidos de que o labor docente mellora o mundo.