WEB - Mereces un aplauso. Onte, hoxe e mañá...
Hoxe celébrase o Día Internacional da Muller, co lema: “Mulleres líderes: Por un futuro igualitario no mundo da Covid-19”.
No día internacional da muller, ANPE quere poñer en valor á educación e ás mulleres docentes en tempos de covid Onte, hoxe e mañá, ANPE quere recoñecer e aplaudir a todas as mulleres que por vocación, dedicación e esforzo lideraron e libraron en primeira liña o máis cruento da pandemia, con especial mención ás mulleres docentes, que tras o peche dos centros educativos cos seus propios recursos e sen tempo no tempo, lograron seguir co proceso de ensino-aprendizaxe para continuar realizando o seu labor profesional, e que desde o inicio deste curso escolar, con esforzo, adaptación e exposición ao risco, souberon salvar á Educación con maiúscula.
Hoxe, a muller está a sufrir con maior intensidade a destrución de emprego agravada pola covid-19. No mes de febreiro rexistrouse un incremento de 31.404 paradas máis ata alcanzar un total de 2.304.779. No que levamos de ano, o paro supera os catro millóns por primeira vez desde 2016 e as mulleres continúan ocupando máis da metade desa cifra.
Un estudo da UNESCO mostra que só o 35% do alumnado matriculado nas carreiras universitarias vinculadas ás disciplinas STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas en conexión coas Artes e Humanidades) son mulleres. Concretamente en España, a menor presenza de alumnas é rechamante nos ensinos de Formación Profesional vinculadas a disciplinas STEAM, en particular nalgunhas familias profesionais como Informática e Comunicacións (con só un 11,4% de alumnas), Fabricación Mecánica (9,4%) ou Electricidade e Electrónica (4,8%). No Bacharelato de Ciencias e Tecnoloxía son o 47% do alumnado. A situación é similar nos Graos e Másteres universitarios: só un 12,9% dos estudantes de Informática son mulleres e nas carreiras relacionadas con Enxeñería, Industria e Construción son o 28,5%.
Estes datos seguen mostrando que aínda queda camiño por percorrer nos dereitos e igualdade de oportunidades. Desde ANPE estamos convencidos de que a educación, o coñecemento e a cultura son as claves dos avances na igualdade efectiva entre homes e mulleres.
Neste día, tamén queremos destacar o gran papel que na historia tivo a muller no mundo da educación. Foron pioneiras no acceso a estudos superiores como ao mundo laboral. Unha profesión indispensable, con relevancia e responsabilidade social.
Hoxe debemos a esas mulleres de onte que cada vez haxa máis altos cargos e postos de dirección e responsabilidade no mundo educativo, en todos os ámbitos laborais e empresariais, así como no espectro político.
Onte debemos a estas mulleres de hoxe que o virus que ameazou con interromper a educación no mundo non conseguise vencernos.
Mañá deberémoslles que sen aplausos sigan demostrando que un futuro igualitario sexa posible.
Si, mereces un aplauso……onte, hoxe e mañá.