Comunicado conxunto de ANPE, CIG, CCOO e UXT sobre o documento de priorización de colectivos e vacinación


25 Feb, 2021

WEB - ANPE e o resto de OOSS da Mesa Sectorial acordan con Educación un documento para fixar prioridades na vacinación e con información sobre consideracións e incidencias durante a campaña.

Ante o comenzo caótico da vacinación , ANPE demandou unha reunión urxente coa Consellería e solicitou antes de nada, unhas instrucións claras e detalladas sobre o plan de vacinación do profesorado que deberían ser tido transmitido aos centros educativos o que houbera evitado todo o caos posterior. Dende ANPE considerabamos que deberían aclararse moitos aspectos e dúbidas xeradas como a vacinación de embarazadas, de profesorado especialmente vulnerable ou do profesorado con destinos provisionais noutras áreas ou provincias. Tamén amosamos a nosa preocupación por cuestións organizativas que deberían terse en conta  ante posibles efectos secundarios do persoal vacinado que lles impedira acudir ao centro de traballo nos días seguintes.

Agradecemos que a Consellería de Educación tivese en conta as nosas demandas que recollen tamén as que nos trasmitiu o profesorado. Entendemos que é unha empresa díficil,  somos máis de 35.000 docentes so na pública, esperemos aprender desta situación para poder rematar co proceso dunha maneira máis coordenada como así se nos trasladou na última reunión. 

COMUNICADO CONXUNTO DE CIG-ENSINO, CCOO-ENSINO, ANPE E PESP-UGT SOBRE O DOCUMENTO DE PRIORIZACIÓN DE COLECTIVOS E CONSIDERACIÓNS SOBRE A VACINACIÓN DO PERSOAL DOS CENTROS EDUCATIVOS

A publicación dun documento coa priorización de colectivos para a vacinación do persoal dos centros educativos nace da proposta conxunta das catro organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial (CIG-Ensino, CCOO-Ensino, ANPE e FeSP-UGT) logo do caos provocado pola descoordinación entre Sanidade e Educación, convocando a profesorado sen ningún tipo de criterio nin prioridade no comezo da vacinación, algo absolutamente necesario en previsión de que se poida ralentizar a campaña pola escaseza puntual de vacinas.

A Consellaría de Educación atendeu a demanda sindical e presentou unha proposta de priorización de colectivos que afecta a todo o profesorado maior de 55 anos, xa que a convocatoria do resto está en mans de Sanidade na campaña en marcha. Este profesorado recibirá algunha das vacinas indicadas para esas idades segundo criterios fixados por Saúde Pública. Hai que ter en conta que a Xunta non está en condicións de proporcionar datas orientativas para esa fase cos maiores de 55 anos e que na administración desas vacinas teñen prioridade outros colectivos sociais por razóns de idade (maiores de 80 anos, etc…). De aí que fose especialmente importante estabelecer uns criterios por se a campaña se estende moito no tempo. A prioridade no caso do persoal non docente, do persoal dos centros privados ou doutros colectivos será para todas as idades, xa que a Consellaría aínda non remitiu as bases de datos destes colectivos.

Na reunión sindical cos responsábeis da Consellaría tratáronse determinados temas que estaban a causar dúbidas e malestar entre o profesorado pola falta de información. As organizacións sindicais demandamos que as propostas que lle foron formuladas e a información que se nos deu se incorporasen nun documento para público coñecemento de todo o persoal dos centros docentes.

A Consellaría aceptou a proposta sindical de que se estabelecese un mecanismo áxil para poder resolver as incidencias que poden impedir acudir á vacinación, evitando que estas persoas quedasen sen vacinar.

A Consellaría indicou que o documento pactado será remitido a Saúde Pública para a súa consideración, mais que as decisións finais sobre a prioridade, especialmente no caso do persoal non docente, será de Sanidade. Hai que ter conta que o programa de vacinación como grupo 6, no que está incluído o persoal docente, está dirixido ao profesorado mais tanto os sindicatos como a Consellaría entendemos que, se así o autoriza Sanidade, o persoal non docente debe estar incluído igualmente.

As organizacións sindicais instamos á Consellaría a que faga as xestións oportunas para que outras Consellarías e administracións con centros educativos poidan incorporarse nesta fase de vacinación.

A decisión sobre a non vacinación de persoal en IT até que se incorpore foi adoptada por Sanidade para todos os sectores e aplicado previamente co persoal sanitario. Igualmente é decisión de Sanidade non vacinar ao alumando que está a facer as prácticas dos Graos ou Mestrados nos centros educativos, como fixo co persoal sanitario en prácticas.

A principal preocupación das catro organizacións sindicais foi, en todo momento, dotar do maior nivel de garantías o proceso de vacinación, facilitando que todo o persoal poida vacinarse. Lamentamos que estas decisións que agora se negociaron e pactaron non se tiveran tomado con semanas de antelación para poder aplicalas nas mesmas condicións a todo o persoal docente e non docente.

LIGAZÓN ao DOCUMENTO DA CONSELLERÍA