Servizos mínimos durante a folga no ensino non universitario


09 Set, 2020

DOGORDE do 8 de setembro de 2020 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos durante a folga no ámbito do ensino convocada para os días 10 e 16 de setembro de 2020.

Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores. Dun xeito máis específico, a Lei galega 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é unha responsabilidade ineludible e parte indivisible do dereito esencial á educación.

Pois ben, os servizos mínimos que se deben fixar para esta convocatoria de folga deben ser tales que permitan o cumprimento efectivo das medidas preventivas destinadas a evitar a propagación da pandemia, evitar a propagación do coronavirus SARS-CoV-2 e, con iso, a infección por COVID-19. Entre eses instrumentos regulatorios cómpre salientar a Orde comunicada do ministro de Sanidade do 27 de agosto de 2020 e Instrucións galegas.

Artigo 1. Centros docentes non universitarios de titularidade pública

• A persoa titular da dirección do centro educativo ou membro do equipo da dirección que o substitúa. Nos centros de menos de 6 unidades o/a director/a poderá ser substituído/a por un membro do equipo docente.

• Ademais dunha persoa da dirección, 1 profesor ou profesora por cada grupo de alumnos que teña actividade lectiva prevista os días da folga.

• 1 subalterno ou subalterna en cada centro escolar.

• O 100 % do persoal de cociña.

• O 100 % do persoal auxiliar coidador nos centros que dispoñan de tal categoría de persoal.

• O 100 % dos educadores nos centros que dispoñan de tal categoría de persoal.

• O 100 % do persoal de limpeza en cada centro educativo.

• O 100 % dos ATS e do persoal médico nos centros que dispoñan de tales categorías de persoal.

1.2. En todo caso, quedará garantida a apertura e peche de todos os centros.

1.3. A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados no número 1 deste artigo será feita pola dirección do centro respectivo e publicarase no taboleiro de anuncios do centro.