ANPE califica de inconcreto e abusivo o protocolo enviado pola consellería


18 Mai, 2020

NPA Consellería de Educación presentou esta noite un protocolo para o retorno ás aulas do persoal docente que ANPE cualifica de inconcreto porque non ofrece medidas precisas e abusivo, por atribuír responsabilidades que exceden as competencias dos equipos directivos.

• ANPE reitera que nin docentes nin alumnos deben de acudir ás aulas sen condicións de seguridade plena, especialmente as persoas declaradas de risco ou vulnerables. 

• ANPE propón a realización de test masivos para a poboación escolar e a toma de temperatura á entrada dos centros como medidas efectivas para a protección da saúde, ademais do uso obrigatorio de máscaras, unha aposta decidida pola dixitalización dos centros educativos renovando os actuais equipos informáticos obsoletos e o uso de documentos oficiais en formato dixital, cobertura de baixas e xubilacións, redución de cocientes e reforzo de persoais, así como formación adecuada aos docentes sobre novas tecnoloxías. 

• ANPE manifesta a súa frontal oposición ao documento, esixindo protocolos máis claros, precisos, rigorosos e de obrigado cumprimento en todos os centros educativos. 

• ANPE pide á administración que non se precipite e evite volcar toda a responsabilidade nos equipos directivos como adoita facer normalmente.

 Segundo as instrucións, as medidas organizativas e de control do cumprimento dos protocolos deben ser asumidas pola dirección dos centros. Optouse porque o equipo directivo adquira individualmente todos os materiais sanitarios a cargo do centro, fóra da primeira remesa de máscaras , sen ser especialistas na adquisición do devandito material e negociando de forma individual cos provedores, o que implica malgasto de recursos e pésima organización fronte unha estratexia de compra centralizada e negociación de mellores condicións ao comprar en maiores lotes, incumprindo desta maneira a lei de prevención de riscos laborais que no seu artigo 17 prescribe claramente que “o empresario adoptará as medidas necesarias para que os equipos de traballo garantan a seguridade e a saúde dos traballadores”. Con esta proposta, se o material adquirido é ineficaz ou non protexe fronte ao contaxio, ou se o seu uso non é o adecuado, toda a responsabilidade recae de novo nas direccións dos centros educativos. 

                                                                                               ANPE Galicia. Santiago de Compostela, 18 de maio de 2020.