WEB - RESUMO da Mesa Sectorial sobre a modificación da Orde de Oposicións de 2020.
A decisión de aprazar as oposicións do 2020 ao ano 2021 supón un problema que afecta especialmente á comunidade autónoma de Galicia por dous motivos diferenciais co resto de comunidades e que basicamente son:
1.- O feito de que a nosa comunidade convoque no mesmo ano prazas de varios corpos, a diferencia doutras comunidades, que alternan convocatorias correspondentes ao corpo de mestres con convocatorias de prazas dos restantes corpos.
2.- As convocatorias de oposicións en Galicia están “ao día”. É dicir, a orde de convocatoria do 24 de febreiro de 2020 (publicada o pasado 13 de marzo) corresponde a prazas da Oferta de Emprego do ano 2020 mentres que noutras comunidades a convocatoria publicada este ano corresponde a ofertas de emprego público do ano 2019 ou mesmo anteriores.
Pola nosa parte, desde ANPE Galicia sempre avogamos por amplas ofertas de emprego público, se ben neste caso concordamos na necesidade derivada da situación sanitaria e da falta de garantías de saúde á marxe da imposiblidade de levar a cabo os prazos administrativos derivados da convocatoria en tempo, de aprazar a celebración das probas ao ano 2021. A nosa organización sindical considera que, baixo ningunha circunstancia, se pode permitir a perda das prazas convocadas pola Oferta de Emprego 2020. Para nós a situación ideal sería que legalmente se puidesen acumular a OPE 2020 e a OPE do 2021 e facer unha convocatoria única para ambas ofertas. Isto pasaría polo feito de que o Ministerio de Educación aceptase ampliar o recollido no Real Decreto 84/2018 ás ofertas do exercicio 2021.
ALGÚNS ROGOS e PREGUNTAS ( o resto no enlace principal)
1- Desde ANPE Galicia preguntamos á Administración pola convocatoria de prazas para o acceso ao corpo de cátedras. A Administración resposta que a convocatoria segue adiante e se publicará no Diario Oficial de Galicia cando os prazos administrativos se reactiven.
2. Desde ANPE Galicia demandamos á Consellería que reactive os chamamentos para a cobertura de substitucións do profesorado.
3. Criticamos abertamente o aumento de carga de traballo burocrático que supón a publicación das instrucións para a 3ª avaliación e máis despois de que a propia Conselleira de Educación fixese publicas unhas declaracións incidindo en que en ningún caso suporía carga deste tipo para o profesorado que xa está a facer un esforzo importante para adaptarse á situación actual.
Sen embargo queremos que se dea traslado do noso agradecemento a todo o persoal que traballa na Unidade de Atención a Centros polo seu esforzo e axuda a todo o profesorado.
4. Solicitamos que se traten de resolver dúbidas no relativo a unha posible volta ao funcionamento dos centros educativos: Funcionarán servizos como transporte, comedores?, que alumnado poderá volver ás aulas, de que idades, en que condicións?, haberá cambio de libros de texto?, procesos de admisión de alumnado? etc. A Administración indica que non pode concretar nada xa que nin sequera hai nada publicado no BOE ao respecto.
Por último, e de novo ante unha posible incorporación e apertura dos centros educativos esiximos o establecemento dun Protocolo de actuación claro e detallado así como dun Protocolo de Protección de toda a Comunidade Educativa e de dotación dos medios e recursos de protección necesarios.