A igualdade empeza pola educación. Por un 8 de marzo de 365 días


06 Mar, 2020

WEB - A igualdade empeza pola educación. Por un 8 de marzo de 365 días.

NO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER, ANPE QUERE RECOÑECER A IMPORTANCIA DA EDUCACIÓN E OS SEUS PROFESIONAIS NOS AVANCES E NOS RETOS DOS DEREITOS DE IGUALDADE E OPORTUNIDADES.

Este ano, o lema elixido pola ONU para celebrar o Día Internacional da Muller é “Son da Xeración Igualdade: Polos dereitos das mulleres”.

Seguindo os pasos desta campaña e uníndonos ao compromiso dos líderes políticos na Axenda Mundial Educación 2030, ANPE quere facer un recoñecemento ao papel relevante que ten a Educación na igualdade de dereitos e de oportunidades.

 A igualdade real entre homes e mulleres non se conseguirá só a través de acordos internacionais, leis ou titulares de noticias, é necesaria tamén a actuación conxunta no día a día de todas as persoas xerando un efecto dominó. Aquí a Educación xoga un papel fundamental axudando a construír unha sociedade xusta, equitativa e solidaria que respecte a todas as persoas polas súas aptitudes e actitudes, e non polo seu sexo.

Segundo o estudo Igualdade en cifras presentado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional, o 66,5% de todo o profesorado é muller. Esta porcentaxe aumenta ao 71,9% nos ensinos non universitarios e cae ata o 41,3% na educación universitaria. Os datos referentes a postos de dirección en centros escolares, o 65% dos postos de dirección ocúpanos mulleres, 15 puntos porcentuais máis que hai 10 anos.

Respecto a os resultados académicos dos alumnos, como norma xeral, as mozas teñen máis éxito que os mozos á hora de superar cursos de secundaria e bacharelato e tamén módulos de FP, e obteñen tamén as maiores porcentaxes de egresados tanto en estudos de grao como de máster. Así mesmo, as taxas de abandono escolar cedo son máis baixas entre elas (14% fronte ao 21,7% dos mozos en 2018).

Esta feminización dos estudos contrasta, con todo, coa masculinización do mercado laboral, onde as mulleres teñen peores taxas de empregabilidade en todos os niveis de formación entre os 25 e os 64 anos, segundo datos de 2018. Tamén hai que sinalar que só o 25% das mulleres elixen carreiras STEM segundo o informe Datos e cifras do Sistema Universitario Español 2018-2019.

Estes datos mostran unha realidade discordante entre a formación das mulleres e o mercado laboral que, como sociedade, teremos que modificar. Ademais de analizar por que unha cuarta parte das universitarias queren formarse en Ciencia, Tecnoloxía e Matemáticas.

 Desde ANPE estamos convencidos de que a educación, o coñecemento e a cultura son as claves dos avances na igualdade efectiva entre homes e mulleres e peza crave para extirpar o acoso sexual, a discriminación e a violencia de xénero. A tarefa que levan a cabo o profesorado na aula é o maior impulsor destas aprendizaxes. O Día Internacional da Muller é un bo momento para analizar cifras de informes, reflexionar acerca dos avances logrados, reivindicar máis cambios e celebrar a coraxe e a determinación das mulleres que xogaron un papel crave na historia. Desde ANPE destacamos ás profesionais da Educación que foron pioneiras no acceso aos estudos superiores como ao mundo laboral achegando visibilidade á muller como membro de pleno dereito da sociedade. Unha profesión imprescindible, con gran relevancia e responsabilidade social.