ANPE lanza unha campaña por un bo uso do móbil e as RRSS nos centros educativos


28 Xan, 2020

WEB - ANPE LANZA UNHA CAMPAÑA SOBRE O BO USO DO MÓBIL E AS REDES SOCIAIS NOS CENTROS EDUCATIVOS

O Defensor do Profesor do sindicato ANPE detectou no primeiro trimestre do curso escolar un incremento alarmante de denuncias do profesorado polo mal uso do móbil e as redes sociais en centros educativos.

O Defensor do Profesor do sindicato ANPE é un servizo de atención inmediata e gratuíta para docentes vítimas de situacións de conflitividade e violencia nas aulas. Este servizo detectou no primeiro trimestre do curso escolar un incremento alarmante de denuncias do profesorado polo mal uso dos grupos de WhatsApp e das distintas redes sociais (Facebook, Instagram, TikTok...) por parte de alumnado de centros de ensino secundario, nas que destacan gravacións, difamacións, insultos ou ameazas a docentes ou a outros alumnos.

 A proliferación do mal uso das redes sociais e dos grupos de mensaxería está cada vez máis presente na nosa sociedade, sendo reflexo directo o que está acontecendo en moitos centros educativos.  Ante esta situación, ANPE acaba de poñer en marcha unha campaña sobre o bo uso do móbil e das redes sociais en centros educativos – como xa fixo co decálogo de boas prácticas dos grupos de WhatsApp de pais e nais en centros de infantil e primaria- dirixida fundamentalmente ao alumnado de Ensino Secundario, Formación Profesional e Bacharelato.

 Nesta campaña alértase da importancia de non utilizar o móbil en clase, excepto cando o pida o docente; dos perigos de difundir imaxes íntimas ou ofensivas, insultar ou difamar por estes medios; a importancia de denunciar situacións de acoso ou violencia escolar, ser crítico e reflexivo, respectar as diferenzas; a tolerancia cero ante o acoso e violencia escolar; ou dedicar máis tempo ás relacións sociais e menos ao móbil, entre outros consellos. Ademais, ANPE advirte na campaña que a difusión e publicidade de inxurias ou calumnias, ou imaxes ofensivas sen consentimento a través destes grupos de mensaxería, ou das redes sociais, podería ter a consideración de delito grave.

 ANPE ten un compromiso firme coa convivencia escolar, requisito fundamental do proceso de ensino e aprendizaxe, que ten como piares o respecto, a non violencia, a tolerancia e o benestar emocional de toda a comunidade educativa para alcanzar o éxito educativo.

ANPE, sindicato exclusivo de docentes do ensino público, seguirá denunciando esta lacra de violencia e acoso escolar nos centros, apostando polas boas prácticas educativas en pro da convivencia escolar, e solicita a cooperación do alumnado, familias, administración, e todos aqueles que participan do proceso educativo, para xerar un ambiente propicio para unha educación de calidade.

 

                                                                                              Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2020.

                                                                                              Secretaría de Comunicación. ANPE Galicia