Poderáselles expedir unha certificación específica da formación recibida no ámbito da prevención de riscos profesionais aos/ás alumnos/as matriculados/as nun ciclo de formación profesional inicial establecido ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, que cumpran algún dos requisitos recollidos no artigo seguinte.
1. Para obter unha certificación da formación de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais o alumnado deberá reunir, ademais de estar matriculado nun centro educativo dos recollidos no artigo 2 desta orde, algún dos seguintes requisitos:
a) Estudar un ciclo formativo de formación profesional básica e ter cursada e superada a unidade formativa de Prevención de Riscos Laborais, consonte o currículo establecido para a Comunidade Autónoma de Galicia. (certificado de 30 h)
b) Estudar un ciclo formativo de grao medio ou de grao superior, e ter cursado e superado o módulo profesional de Formación e Orientación Laboral, consonte o currículo establecido para a Comunidade Autónoma de Galicia. (certificado de 45 h)
c) Estudar un ciclo formativo de grao medio ou de grao superior, e ter cursada e superada a totalidade dos módulos profesionais incluídos no currículo establecido para a Comunidade Autónoma de Galicia, excepto, de ser ocaso, o módulo profesional de Proxecto, e cumprir os requisitos previstos na normativa aplicable para acceder ao módulo de Formación en Centros de Traballo. (certificado de 60 h)
Os centros educativos expediranlles os certificados de formación de nivel básico en Prevención de Riscos Laborais, de acordo coa modalidade prevista no artigo 5.3 desta orde, aos/ás solicitantes que obtivesen antes da entrada en vigor desta orde a titulación de técnico ou técnico superior de formación profesional, por superar ciclos formativos de grao medio ou grao superior establecidos ao abeiro da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio.