• Noticia nova

ANPE reclama a extensión do dereito á xubilación anticipada


06 Mai, 2026

WEBANPE, primeira forza sindical do profesorado non universitario, reclama a posibilidade da xubilación anticipada incentivada para todo o persoal docente do ensino público.

A organización sitúa esta medida como unha das súas reivindicacións estratéxicas fundamentais, dirixida a recuperar dereitos perdidos, mellorar a saúde laboral e favorecer a renovación e o rexuvenecemento dos persoais do sistema educativo público.

O principal sindicato docente defende o establecemento desta modalidade de xubilación como un piar primordial do futuro Estatuto da Función Pública Docente con carácter básico estatal, a fin de evitar desigualdades territoriais e garantir condicións homoxéneas en todo o Estado.

Neste sentido, denuncia que os grupos de traballo conformados polo Ministerio de Educación para elaborar o estatuto levan paralizados máis dun ano, e esixe que se reactiven para avanzar, entre outros, neste asunto.

Actualmente, só o persoal funcionario que accedeu ao servizo público antes de 2011 —é dicir, o adscrito ao Réxime de Clases Pasivas do Estado— pode xubilarse con 60 anos de idade e 30 de servizo. O persoal funcionario que accedeu despois desa data, adscrito ao Réxime Xeral da Seguridade Social, non pode acollerse á xubilación anticipada e vese obrigado a atrasar o seu retiro ata os 67 anos ou anticipadamente aos 65 anos cun tempo mínimo cotizado, o que repercute negativamente na súa saúde física e psicolóxica.

ANPE defende un modelo flexible que permita manter a idade ordinaria de xubilación nos 65 anos, posibilitar a prolongación voluntaria da vida laboral ata os 70 anos para aqueles docentes que así o desexen por motivos privados ou profesionais, e estender ao profesorado do Réxime Xeral da Seguridade Social o dereito á xubilación voluntaria aos 60 anos con 30 anos de servizo, unha medida que considera esencial nunha profesión sometida a elevados niveis de esixencia física e emocional.

  • A proposta do sindicato inclúe a recuperación das gratificacións extraordinarias vinculadas á xubilación anticipada, que antes actuaban como incentivo para a renovación dos persoais docentes.
  • Así mesmo, ANPE reivindica que o Goberno garanta o mantemento do poder adquisitivo das pensións e aplique determinadas melloras asistenciais, como o incremento das axudas de MUFACE para o persoal xubilado e o acceso gratuíto a medicamentos, equiparando neste aspecto as condicións do mutualismo administrativo ás do sistema xeral da Seguridade Social.

ANPE subliña que a xubilación anticipada é unha ferramenta eficaz para mellorar a calidade do sistema educativo, ao favorecer a remuda xeracional e garantir unhas condicións de traballo adecuadas nas últimas etapas da carreira docente. Por iso, o sindicato esixe ao Gobierno o desenvolvemento dun modelo de xubilación docente xusto, equitativo e adaptado á realidade da profesión, que recoñeza o desgaste asociado ao labor educativo e garanta condicións dignas para todos os docentes, con independencia do seu réxime de cotización.

PRIMEIRA FORZA SINDICAL DA ENSINANZA PÚBLICA