O decreto introduce un modelo máis flexible, con módulos formativos máis abertos e a posibilidade de itinerarios personalizados. Con todo, un dos eixos centrais é o impulso da FP dual, aumentando a formación en centros de traballo e a colaboración co tecido empresarial.
➡️Dende ANPE advertimos do Tecido empresarial desigual en Galicia: hai moitas pemes e zonas rurais onde non sempre é fácil atopar empresas que poidan asumir alumnado en FP dual.
Entre as principais novidades destaca a incorporación de novas figuras docentes, como profesionais expertos do sector ou especialistas procedentes de empresas.
➡️ ANPE avisa sobre a Sobrecarga docente: introducir máis funcións (coordinación con empresas, innovación, etc.) sen mellorar condicións pode tensar o sistema e podería abrir a porta a unha maior precarización e á entrada de persoal sen formación pedagóxica no sistema educativo.
A norma tamén fomenta a internacionalización e a conexión coa universidade mediante o recoñecemento de créditos, á vez que impulsa a investigación aplicada en colaboración con empresas. Así mesmo, exponse o uso de ferramentas como a intelixencia artificial para mellorar a orientación do alumnado e reducir o abandono escolar.
O decreto comezará a aplicarse no curso 2026/2027, nun contexto no que sectores educativos e sindicais reclaman que calquera reforma garanta condicións laborais dignas, estabilidade do profesorado e unha FP centrada no interese público.
Queda por ver se esta reforma logra trasladarse con éxito á realidade galega ou se, unha vez máis, as boas intencións quedan limitadas ao papel. Todo dependerá do investimento, das condicións laborais e da capacidade de adaptar o modelo a un territorio diverso. ANPE insiste en que sen investimento suficiente (profesorado, infraestruturas, coordinación), a reforma pode quedarse en intención.