• Noticia nova

Logro sindical na negociación de condicións do persoal interino e substituto


19 Xan, 2026

WEBLogro sindical na negociación de condicións do persoal interino e substituto

CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UGT-SP, como organizacións sindicais asinantes do Acordo para as condicións de traballo do persoal interino e substituto informamos dun avance
fundamental e histórico alcanzado polos catros sindicatos e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP no seo da comisión de seguimento deste Acordo froito do traballo e a negociación sindical: 

  1. A FIN DA OBRIGATORIEDADE TANTO DE MATRICULARSE COMO DE PRESENTARSE ÁS OPOSICIÓNS PARA MANTERSE EN LISTAS DE INTERINIDADES E SUBSTITUCIÓNS.
  2. Para o persoal non consolidado ou para incorporarse a listas SEGUE SENDO NECESARIO presentarse ás oposicións.

Desde CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UGT-SP defendemos esta medida baseándonos en argumentos sólidos que benefician ao conxunto do profesorado e do sistema educativo:

  • Optimización dos tribunais de oposición e redución da carga burocrática e organizativa: a asistencia masiva e por mero trámite aos procesos selectivos xeraba unha sobrecarga de xestión para os tribunais. Agora, estes poderán centrarse nas persoas opositoras que opten realmente a obter praza, axilizando a loxística e os tempos e reducindo o número de reclamacións e incidencias durante o proceso e tamén posteriormente.
  • Reparto de prazas máis xusto: corríxense situacions inxustas como que un tribunal recibira mais prazas que outro, só polo feito de ter maior numero de persoas presentadas, ao obrigar a persoal interino e substituto a presentarse para non decaer das listas.
  • Facilitación da conciliación e a loxística familiar: a medida pon fin aos desprazamentos obrigatorios motivados unicamente por un trámite administrativo. Ao eliminar a participación forzosa, permítese que o persoal interino e substituto poida organizar a súa vida familiar e os seus tempos de conciliación con maior liberdade, evitando viaxes innecesarias que non achegan valor ao proceso selectivo e respectando a autonomía de cada docente para planificar o seu calendario de oposicións.

  • Seguridade xurídica e estabilidade: adaptamos as listas de interinidade e substitucións a un modelo de xestión máis avanzado e eficiente, garantindo que a permanencia en listas do persoal docente quede debidamente acreditada polo seu traballo efectivo, sempre tendo en conta as causas e número de renuncias xustificadas.

 

Compromiso e avance continuo

Este logro é un paso máis na mellora das condicións laborais do persoal interino e substituto, un colectivo esencial para a calidade do sistema educativo público galego. Seguiremos traballando para que o resto dos puntos do acordo blinden os vosos dereitos e recoñezan o voso labor.

Desde CCOO Ensino, ANPE, CSIF e UGT-SP manterémosvos informados detalladamente unha vez se proceda á sinatura definitiva desta nova addenda ao “Acordo para as condicións de traballo do persoal interino e substituto” e se publique o texto íntegro no DOG.