• Noticia destacada

ANPE alerta do impacto da contorna laboral na saúde mental do profesorado


10 Out, 2025

WEB - 10 de outubro, día mundial da Sáude Mental

Coincidindo co Día Mundial da Saúde Mental, ANPE, o sindicato maioritario do profesorado non universitario, alertou sobre un problema crecente e, a miúdo, invisibilizado: o impacto das condicións laborais na saúde mental do persoal docente.

Segundo a organización sindical, os riscos psicosociais presentes no ámbito educativo —como a sobrecarga de traballo, o estrés continuado, a falta de autonomía ou o escaso apoio institucional e social— están a afectar de maneira significativa ao benestar psicolóxico, físico e emocional do persoal docente.

Esta situación, unida á complexidade cada vez maior do contexto escolar, está a provocar un aumento dos casos de estrés, ansiedade, burnout (síndrome do traballador queimado) e outras patoloxías asociadas.

Ante esta realidade, ANPE reclama a implantación de plans integrais de mellora das condicións laborais do profesorado que inclúan medidas de prevención de riscos psicosociais, protocolos de apoio emocional e programas de formación en xestión do estrés e autocuidado.

O Defensor do Profesor, servizo gratuíto que ANPE pon ao dispor de todos os docentes que necesiten axuda, apoio e orientación ante calquera tipo de situación de conflitividade escolar, constata que estes factores están estreitamente relacionados cos problemas de convivencia nos centros educativos, que teñen un impacto directo na saúde mental do profesorado.

ANPE subliña que a Organización Internacional do Traballo (OIT) identifica o ensino como unha das profesións con maior risco de estrés laboral, debido á elevada carga de traballo, a responsabilidade que implica o labor educativo e os desafíos constantes dentro da aula.

Neste contexto, ANPE destaca a importancia do modelo Demanda–Control–Apoio Social, proposto polo sociólogo e psicólogo Robert Karasek, que establece que o equilibrio entre as esixencias laborais, a autonomía profesional e o respaldo institucional resulta clave para o benestar docente. Segundo este modelo, unha contorna laboral saudable propicia demandas razoables e estimulantes, capacidade de decisión e apoio por parte de equipos directivos, compañeiros e familias. Pola contra, nunha contorna laboral negativo as demandas son excesivas, o control sobre o propio traballo é mínimo e o apoio social inexistente, o que xera frustración, desmotivación e risco de burnout. Neste sentido dende ANPE advirtimos de que as condicións desfavorables tradúcense en altas taxas de estrés, ansiedade e desmotivación, o que repercute non só no benestar do profesorado, senón tamén na calidade educativa, polo que considera necesaria a posta en marcha de plans integrais destinados a mellorar as condicións laborais do profesorado.

ANPE lembra que coidar a saúde mental do profesorado é esencial para garantir unha educación de calidade, xa que o benestar emocional do docente constitúe un piar fundamental dun sistema educativo saudable. Para máis información ou apoio, os docentes poden contactar co Defensor do Profesor a través da sede de ANPE.