WEB - Defender o profesorado é actuar con valentía e coherencia
En contestación ao anuncio do Sr Rueda: creación dunha oficina específica para apoiar e asesorar aos docentes
Desde ANPE queremos lanzar unha mensaxe clara: defender o profesorado non pode quedar nun lema baleiro ou nunha declaración de intencións.
Defender o profesorado significa cumprir os acordos asinados, confiar na súa profesionalidade e actuar con coherencia cando se cuestiona o seu traballo sen fundamento.
Nos últimos tempos, asistimos con preocupación a situacións nas que se desautoriza o profesorado, se dubida do seu criterio pedagóxico ou se prioriza o contento de familias díscolas por riba da autoridade docente. Non se pode falar de defensa do profesorado mentres se poñen alfombras vermellas por parte da ADMINISTRACIÓN EDUCATIVA para aqueles que cuestionan o labor dos docentes ou mentres se aproba “de oficio”, desde unha oficina, a alumnado que non acadou os mínimos imprescindibles. Ese tipo de medidas desmoralizan e minan o prestixio da nosa profesión.
Defender o profesorado é crer na súa palabra cando se enfronta a críticas infundadas. É escoitar quen está a pé de aula e non someter o seu traballo ao xuízo constante de quen non coñece a realidade educativa de primeira man.
As oficinas de defensa do profesorado non poden ser só un paraugas institucional que quede ben na foto. O que realmente precisamos é unha aposta decidida e sostida por prestixiar o traballo docente, reducir a burocracia, garantir respaldo nas situacións conflitivas e recoñecer o valor do que facemos cada día nas aulas.
Contentar a todos non pode ser o obxectivo dun sistema educativo serio. O que si debe ser central é dignificar a profesión docente e non deixarnos, día tras día, aos pés dos cabalos.
O noso alumnado merece un profesorado respectado, motivado e apoiado. E para iso, hai que pasar dos discursos aos feitos.