As organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP queremos anunciar que esta mañá, día 17/06/2025, presentamos perante o servizo de reparto do Decanato dos Xulgados de Santiago de Compostela o recurso contencioso-administrativo contra os incumprimentos do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación, por parte da Consellería de Educación.
Tomamos a vía xudicial, xunto coa denuncia pública, para garantir o cumprimento íntegro de todas as disposicións do Acordo, despois da promulgación da Lei 5/2024 de medidas fiscais e administrativas, que obstaculiza a súa aplicación, atrasando a implantación íntegra das ratios previstas no Acordo de Agrupamentos de 2009 así como as medidas de desdobre de aulas e a dotación de profesorado de apoio.
Desde o inicio de curso e tras consultar á práctica totalidade dos centros da Comunidade, xa advertimos de que, de aplicarse o Acordo tal e como foi asinado, o sistema educativo contaría con 282 aulas máis e ata 396 docentes adicionais, que se sumarían aos 556 xa incrementados con respecto ao curso anterior, acadando un incremento total de 952 docentes.
Entre os principais incumprimentos constatados a inicios de curso, destacan as ratios en aulas que escolarizan alumnado de diferentes niveis, ciclos e etapas, con 110 centros afectados. A continuación, estaría o cómputo dobre ou triplo de alumnado con discapacidade, depedencia e/ou transtornos graves de conduta, que supera a ratio máxima. Este incumprimento rexístrase nun total de 67 centros.
Ademais, ao longo do curso comprobamos que existe unha interpretación restritiva e obstrucionista por parte da Consellería de Educación, especialmente a través do servizo de Inspección. Por acción ou omisión, estanse freando de forma sistemática os avances pactados no Acordo. O último exemplo desta actitude foi a Instrución 2/2025, difundida aos centros pola Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, que permite vulnerar a foto fixa dos grupos situados entre 20 e 25 alumnos/as no momento de entrada en vigor do Acordo.
Lonxe de permanecer inactivos, en outubro presentamos á Valedora do Pobo os incumprimentos constatados e iniciamos a vía administrativa de reclamación que culmina hoxe, tras esgotar todos os trámites administrativos previos, co paso á vía xudicial coa presentación do recurso contencioso-administrativo. Lamentamos a lentitude ao ter que esgotar os sucesivos prazos administrativos, pero son a única maneira de darlle seguridade xurídica á nosa reclamación.
Aspiramos a unha sentenza similar á da Comunitat Valenciana, que obrigou alí ao goberno autonómico a contratar case 2 000 docentes por incumprir un acordo similar. Do mesmo xeito, presentamos unha reclamación administrativa pola aplicación incorrecta do 10 % de incremento correspondente ao ano 2025 nos complementos de sexenios e titoría, que será acumulada no proceso xudicial, unha vez esgotada a vía administrativa.
Fronte a esta actitude activa, as organizacións non asinantes do Acordo manteñen unha postura ambigua: dunha banda piden coa boca pequena o seu cumprimento e, doutra, esixen que retiremos a sinatura. Esta actitude resulta totalmente irresponsable, pois retirar a sinatura significaría renunciar tanto ás melloras xa acadadas no Acordo como aos avances que están por vir en cursos futuros.