• Noticia nova

Día das Letras Galegas - As cantareiras


17 Mai, 2025

WEB - O Día das Letras Galegas de 2025 está dedicado ás CANTAREIRAS personificado en 7 mulleres

En palabras da Real Academia Galega: "Personificouse en sete mulleres, catro delas figuran no Cancioneiro de Dorothé Schubarth cun número elevado de cantigas, melodías e letras, como é o caso de Adolfina e Rosa Casás, de Cerceda; ou o de Asunción Garrido e Manuela Lema, de Mens. As outras cantareiras de Mens, Teresa García Prieto e Prudencia Garrido, non foron informantes de Schubarth pero consérvanse dela documentos sonoros importantes. Igual ocorre con Eva Castiñeira, de Muxía".

Durante séculos, a literatura galega foi oral e dependía da memoria das persoas. A partir do século XVIII comezouse a recoller por escrito e no século XIX cobraron forza estas transcricións, en paralelo ao rexurdir cultural doutros pobos europeos. As melodías empezaron a transcribirse grazas aos orfeóns, coma o Orfeón Coruñés ou Aires da Terra.

Máis adiante destacaron proxectos coma o de Casto Sampedro ou as recollas de Torner e Bal, interrompidas pola guerra. Nos anos 60 e 70 aínda se podía recoller moita tradición oral, pero hoxe apenas quedan informantes. Porén, ao contrario que outras expresións culturais xa desaparecidas, as cantigas populares seguen vivas e adaptadas a novos contextos, grazas a grupos musicais e ao ensino en conservatorios.

A celebración de 2025 busca dar nova vida ás cantigas recollidas por mulleres como Adolfina, Rosa ou Manuela, mesmo escoitando as súas voces gardadas en arquivos dixitais. Este Día das Letras pretende reforzar o uso do galego, especialmente entre a xente nova, mostrando a riqueza poética e lingüística da lírica popular

LIGAZÓN a un vídeo de RTVE: As cantareiras