>> Capítulo VI: Profesorado
Artigo 35. Profesorado das ensinanzas iniciais
As ensinanzas iniciais serán impartidas polo profesorado pertencente ao corpo de mestres. Porén, cando concorran circunstancias que impidan o normal desenvolvemento destas ensinanzas, poderán ser impartidas por persoal pertencente ao corpo de catedráticos ou profesores de ensino secundario.
Artigo 36. Profesorado de educación secundaria para persoas adultas
1. As persoas funcionarias do corpo de mestres que viñan impartindo as ensinanzas correspondentes aos módulos I e II da educación secundaria para persoas adultas, poderán seguir impartindo as ensinanzas do nivel I de educación secundaria para persoas adultas, de acordo co establecido na disposición transitoria primeira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
2. Sen prexuízo das competencias docentes das mestras e mestres adscritos ao nivel I da educación secundaria para persoas adultas, o profesorado que imparta as ensinanzas conducentes ao título de graduado en educación secundaria obrigatoria será o pertencente aos corpos de catedráticos e profesores de ensino secundario, de acordo co previsto no artigo 94 e na disposición transitoria primeira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.