Comisión de servizo por CONCILIA 24/25


18 Abr, 2024

WEB - Prazo de solicitude de comisión de servizo en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral para o curso académico 2024/25 (ED010A).

>> O único prazo de solicitude de comisión de servizos en atención a situacións de conciliación da vida familiar e laboral é do 15 de abril de 2024 ao 26 de abril de 2024, ambos incluídos.

>> Para formular unha solicitude de comisións de servizos deberá acceder á páxina web https://www.edu.xunta.gal/cadp e presentala na Sede electrónica da Xunta de Galicia, seguindo as instrucións que se indican.

- Solicitantes: Funcionarios de carreira, prácticas e persoal laboral (interinos e substitutos consolidados e profesorado de relixión).

- Requisitos

Ter, se é o caso, destino definitivo nunha localidade a unha distancia superior a 60 km da localidade de residencia. 

Non será exixible este requisito a aquelas persoas que presten servizos nos centros de educación infantil, educación infantil e primaria, educación primaria, colexios rurais agrupados, centros de educación especial e centros públicos integrados que teñen réxime de xornada partida.

As persoas interesadas deberán solicitar en primeiro lugar o centro ou centros da localidade ou localidades que se encontren nun raio de 20 km do lugar da súa residencia, agás os centros penitenciarios, os centros de educación permanente de adultos e os centros ordinarios en que se imparten ensinanzas de adultos e aqueloutros centros en que se imparten ensinanzas en réxime de xornada partida, que serán de solicitude voluntaria.

- Poderá efectuarse a solicitude cando exista embarazo a termo final con anterioridade ao mes de marzo do ano seguinte a aquel en que se presenta a solicitude. No caso de adopción ou acollemento permanente ou preadoptivo, a idade computarase desde a resolución xudicial ou administrativa.

Tipo I) Ter un fillo ou filla menor de catro anosou ter e convivir cun fillo ou filla menor de oito anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal.

Tipo II) Ter dous fillos ou fillas menores de seis anos ou un fillo ou filla menor de seis anos cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %, ou ter e convivir con dous fillos ou fillas menores de dez anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal.

Tipo III) Ter tres fillos ou fillas menores de doce anos ou dous fillos ou fillas menores de doce anos se un deles ten un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %, ou ter e convivir con tres fillos ou fillas menores de dezaseis anos cando se trate dun núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal.

A idade dos fillos ou fillas computarase o 31 de decembro do ano inmediatamente anterior a aquel en que se efectúa a solicitude.

 

>> LIGAZÓN á NORMATIVA: Orde de 15 de abril de 2019