Modificación do anexo II das titulacións que permiten a incorporación ás listas de interinos


22 Xun, 2022

DOGORDE do 8 de xuño de 2022 pola que se modifica o anexo II da Orde do 20 de novembro de 2019 pola que se dá publicidade ás titulacións que permiten a incorporación ás listas de aspirantes a desempeñar postos docentes en réxime de interinidades e substitucións dos corpos de mestres, de profesores de ensino secundario, de profesores técnicos de formación profesional e de profesores de escolas oficiais de Idiomas que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, en centros docentes desta consellería.

A Orde de 10 de febreiro de 2022 (DOG núm. 35, do 21 de febreiro) modifica o anexo II da Orde do 20 de novembro de 2019 no que se refire á especialidade de Física e Química do corpo de profesores de ensino secundario para incluír a titulación de Enxeñaría de Minas como unha das titulacións que permiten a incorporación ás listas desta especialidade en execución da sentenza firme ditada no procedemento ordinario 322/2020 pola sala do contencioso-administrativo, sección primeira, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Así mesmo, incluíronse os títulos de grao correspondentes á dita titulación entre os que figuraban as titulacións de grao en Enxeñaría da Tecnoloxía de Minas e Enerxía, Enxeñaría de Recursos Enerxéticos e Mineiros, Enxeñaría de Recursos Mineiros e Enerxéticos, Enxeñaría de Tecnoloxía de Minas e Enerxía, Enxeñaría dos Recursos Mineiros e Enerxéticos, Enxeñaría en Recursos Enerxéticos e Mineiros e Enxeñaría Mineira e Enerxética.

Pola súa vez, analizado o plan de estudos da titulación de grao en Enxeñería da Enerxía, procede a súa incorporación entre as titulacións que permiten a incorporación ás listas da especialidade de Física e Química toda vez que a formación acadada nesta titulación en relación coa devandita especialidade é análoga á recibida nas titulacións relacionadas no parágrafo anterior.