Poderá participar nesta convocatoria o persoal funcionario de carreira e funcionario en prácticas, o que se reincorpora dende un posto no estranxeiro, que se atope na situación de excedencia voluntaria ou en comisión de servizos fóra da comunidade.
O prazo para a presentación de solicitudes para tomar parte nesta convocatoria, dirixidas ao director xeral de Centros e Recursos Humanos, será de cinco días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia e presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, utilizando o formulario PR004A, dispoñible na referida sede electrónica.
Aínda que concurse a máis dunha praza, o persoal concursante presentará unha única solicitude axustada ao modelo que figura como anexo II, coa que achegará cuberta a folla de autobaremación que figura como anexo IV e a documentación que se indica no baremo que figura como anexo III para a acreditación dos méritos que alegue. En todo caso, a antigüidade será baremada de oficio pola Administración. Non terán que presentarse aqueles documentos xustificativos dos méritos alegados que xa figuren no seu expediente persoal no enderezo web https://www.edu.xunta.es/datospersoais
No caso de que o persoal participante posúa méritos que non consten no seu expediente ou de que estes sexan incorrectos, deberá xerar unha nova solicitude no enderezo web https://www.edu.xunta.es/datospersoais e, xunto cunha copia dos méritos alegados, achegala coa solicitude de participación neste concurso específico.
As persoas concursantes presentarán ademais un proxecto de traballo por cada posto que soliciten, que versará sobre as liñas básicas de actuación para o desenvolvemento das funcións inherentes a cada posto, tendo en conta as características destes, cunha extensión máxima de 20 folios por proxecto.