Segundo. Os destinos que obteñan as persoas opositoras que se relacionan no anexo I desta orde terán carácter provisional e estarán obrigadas a participar, no seu momento, nos concursos de traslados que se convoquen ata obter un destino definitivo dentro do ámbito de xestión directa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
Terceiro. As persoas opositoras seleccionadas que por causa xustificada e que, a xuízo da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, necesiten aprazar a súa incorporación á fase de prácticas, deberán solicitalo por escrito ante a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e achegarán a documentación xustificativa da causa que aleguen.
Cuarto. As persoas opositoras seleccionadas que se relacionan no anexo I (deberán presentar por medios electrónicos na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e dirixida a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos a documentación que se relaciona na base vixésima da Orde do 24 de febreiro de 2020 (DOG do 13 de marzo), no prazo de 20 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde. (Do 24 de agosto ao 20 de setembro)
a) Certificado médico acreditativo de non padecer ningunha enfermidade nin estar afectado ou afectada por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co exercicio da docencia.
A persoa aspirante que fixese valer a súa condición de persoa con discapacidade deberá, se non o fixo anteriormente, presentar certificación dos órganos competentes da Consellería de Política Social que acredite tal condición, e tamén terá que presentar certificado dos citados órganos ou da Administración sanitaria, acreditativo da compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.
b) Declaración responsable de que non foron separados ou separadas mediante expediente disciplinario, do servizo do corpo ao que se pretende ingresar en ningunha Administración pública e de non estar inhabilitados ou inhabilitadas para o exercicio de funcións públicas, conforme o modelo que figura como anexo XVII a esta convocatoria que estará dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. (ANEXO XVI )
c) Certificado de non ter antecedentes por delitos sexuais, só no caso de denegar expresamente a consulta de datos do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.