Admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Arte Dramática


18 Mai, 2021

DOGRESOLUCIÓN do 4 de maio de 2021, da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional, pola que se ditan instrucións para o acceso e admisión do alumnado ás ensinanzas superiores de Arte Dramática para o curso 2021/22.

De acordo co establecido no artigo 3 da Orde do 21 de novembro de 2016, para o acceso aos estudos superiores de Arte Dramática, en calquera das súas especialidades, requirirase estar en posesión do título de bacharelato ou título declarado equivalente para os efectos académicos, ou ter superado a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos, así como a superación da correspondente proba específica a que se refire o artigo 55.2 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro.

1. O prazo de presentación das solicitudes comprenderá desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 17 de xuño, ambos os dous incluídos. Para tal fin, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia deberá expor no seu taboleiro de anuncios a normativa reguladora de admisión do alumnado, así como o número de prazas ofertadas en cada especialidade, con indicación das prazas reservadas para as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

2. Con carácter xeral, as solicitudes deberán realizarse de maneira telemática cubrindo o formulario dispoñible en www.edu.xunta.gal/eas e empregando o certificado dixital ou sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365). Non obstante, tamén se poderá formalizar a inscrición directamente na Secretaría da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. As persoas aspirantes que só dispoñan de pasaporte deberán realizar a inscrición na Secretaría da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

3. Para completar o proceso de inscrición, deberase presentar unha copia da solicitude, xunto coa documentación requirida, na Secretaría da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.