WEB - ANPE Galicia demanda que o aumento de profesorado deste curso se manteña de cara aos vindeiros cursos escolares para asegurar a continuidade do proceso educativo nos centros galegos cunha calidade suficiente.
ESTUDIO COMPARATIVO INTERINOS cursos 19/20 e 20/21
O curso 2020-2021 comezou con 2.500 interinos máis que o anterior
Segundo os datos do estudo realizado por ANPE Galicia, o curso 2020-2021 arrincou cunha diferenza de máis de 2.500 interinos traballando en relación a principios do curso anterior. As necesidades de adaptación de espazos e rateos, o establecemento de desdobres en certas etapas educativas, o incremento das situacións de Incapacidade Temporal e as situacións de illamento, confinamento ou corentena do profesorado derivadas da situación sanitaria actual, entre outros motivos, provocaron este aumento de profesorado interino que, en moitos casos, comezou a traballar por primeira vez no presente curso escolar e provocou que moitas das listaxes de interinidades e substitucións actuais se esgotasen coa conseguinte apertura de procedementos para a súa renovación.
Deste xeito no corpo de Profesores de Ensino Secundario a principios do curso actual había traballando uns 1.500 interinos máis que aproximadamente nas mesmas datas do curso inmediatamente anterior, uns 780 máis no corpo de Mestres e uns 175 máis no de Profesores Técnicos de Formación Profesional.
Diversas circunstancias determinan a importancia da presenza deste profesorado adicional nos centros galegos este curso. Estamos nunha situación excepcional que non se ten vivido nunca, na cal tanto a educación como a sanidade deben ser prioritarias. O profesorado fixo un denodado esforzo para atender ao seu alumnado dende marzo do curso pasado ata a actualidade, con extrema xenerosidade e entrega, pero os problemas que está provocando unha crise sen visos de solución inmediata deben seguir solucionándose. Se ben todo o profesorado a maiores que se nomee é necesario, agora faise indispensable por diversas razóns. Non todo o alumnado ten o mesmo ritmo de aprendizaxe; polo tanto, será necesario ir proporcionando a cada un/unha dos alumnos/as o que precise para avanzar de acordo ás súas posibilidades e necesidades. Por outra parte, esta crise está exercendo unha evidente presión emocional sobre a sociedade e, en particular, sobre un sector fráxil como son os nenos e adolescentes, unha situación que incide negativamente no seu proceso educativo.
Outro aspecto a considerar é a fenda dixital, cuxas dimensións reais foron evidenciadas nesta crise e que influíron na resposta do alumnado a modalidades educativas diferentes, como o ensino non presencial e semipresencial. Ademais, estanse producindo máis substitucións das habituais, debido a como indicabamos anteriormente aos contaxios de docentes ou á súa necesidade de gardar corentena. Este profesorado substituto pode desempeñar un papel clave neste tipo de funcións .
Por todo isto, para ANPE Galicia este aumento de profesorado debe manterse de cara aos vindeiros cursos escolares xa que esta medida contribuiría de modo considerable a acadar un obxectivo básico: asegurar a continuidade do proceso educativo nos centros galegos cunha calidade suficiente para que, nos cursos vindeiros, o noso alumnado – e en particular quen polas súas circunstancias persoais ou familiares estean soportando as peores consecuencias de tan dura situación – non porte, adicionalmente, o estigma de telo sido en tempos da COVID-19. Garantir a súa igualdade, tamén en canto a formación, coas xeracións precedentes e futuras non é unha posibilidade, senón unha obriga. ANPE Galicia sempre defendeu que para garantir unha mellora na calidade educativa debe traballarse no aumento e estabilización das plantillas dos centros docentes, na redución do número de alumnos/as por aula, no establecemento de desdobres que permitan unha atención máis individualizada e por aumentar os esforzos en programas educativos de reforzo e en calquera outro tipo de programas dos múltiples que se desenvolven nos centros educativos ao longo do curso escolar. Especial mención merece o reforzo que, desde o noso punto de vista, debe establecerse para tratar ao alumnado con necesidades especiais polo que seguimos demandando unha maior dotación de profesorado de PT, AL e Orientación Educativa.
Tamén é básico e fundamental para acadar todas estas cuestións a volta ao horario do profesorado de 21 horas lectivas en primaria e 18 horas lectivas en secundaria e outros corpos como xa están a facer outras Comunidades Autónomas. Non deben escatimarse esforzos para acadalo, considerando, así mesmo, a importancia de contribuír á estabilidade dos centros e reducir a sobrecarga de traballo do profesorado e dos equipos directivos.