Concurso sobre consumo responsable e calidade de vida Consumópolis-16


26 Abr, 2021

DOG RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2021, conxunta da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, pola que se convoca a fase autonómica do concurso sobre consumo responsable e calidade de vida Consumópolis-16: coida o teu planeta cun consumo + responsable, atréveste? (código de procedemento IN114A).

O concurso consta dunha única parte: o percorrido pola cidade virtual de Consumópolis, que se desenvolve a través do sitio web www.consumopolis.es

Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas que cursen estudos de 5º ou 6º de educación primaria ou de 1º, 2º, 3º ou 4º de educación secundaria obrigatoria ou formación profesional básica en calquera centro público, concertado ou privado da Comunidade Autónoma de Galicia.

Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados, respectivamente, en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada unha das categorías de participación.

Os docentes que participasen como coordinadores dos equipos premiados recibirán da Consellería de Cultura, Educación e Universidade un certificado de premio de innovación educativa cunha equivalencia de 12 horas de formación do profesorado.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

O prazo para a presentación das solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 2 de xuño de 2021.