As probas dos distintos niveis Celga terán lugar nos meses de maio e/ou xuño de 2021, sempre que a evolución da crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 o permita. As probas realizaranse en Santiago de Compostela e en Ponferrada.
As sedes e horarios para a realización das probas publicaranse na páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística (http://www.lingua.gal) xunto coas listaxes definitivas das persoas admitidas.
As persoas que desexen inscribirse nas probas Celga deberán cubrir o formulario de solicitude, segundo o modelo PL500C, que se publica como anexo I, no enderezo https://sede.xunta.gal, e aboar a taxa correspondente.
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado. Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
O prazo de presentación das solicitudes, así como o de pagamento da taxa correspondente aos dereitos de exame, será de quince días, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Os códigos que deben cubrirse para pago de taxa son:
Consellería: Cultura, Educación e Universidade. Código: 07.
Delegación: Servizos Centrais. Código: 13.
Servizo: Secretaría Xeral de Política Lingüística. Código: 05.
Denominación taxa: inscrición nas probas homologadas para a acreditación do nivel de competencia en lingua galega e mais a acreditación do nivel correspondente, de ser o caso. Código: 304401.
Achegarase o xustificante de pagamento xunto coa solicitude.