DOG - ORDE do 21 de xaneiro de 2021 pola que se convocan probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional do sistema educativo para o ano 2021 (códigos de procedemento ED312C e ED312D).
1. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria nin un título profesional básico, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, continuar a súa formación accedendo aos ciclos formativos de formación profesional de grao medio, nunhas condicións suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.
2. As probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior teñen por finalidade permitir ás persoas que non posúan o título de bacharelato nin un título de técnico de formación profesional, nin outros estudos equivalentes para os efectos de acceso, a posibilidade de continuaren formándose en ciclos de formación profesional de grao superior, coa madureza e a idoneidade suficientes para cursaren con aproveitamento estas ensinanzas.
O prazo de presentación estará abranguido entre os días 15 ao 26 de marzo de 2021, ambos os dous incluídos.
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica en (https://sede.xunta.gal) a través do formulario normalizado de solicitude, anexo I (código de procedemento ED312C), dispoñible na aplicación informática «Ciclosprobas» (https://www.edu.xunta.gal/ciclosprobas/PaxinaInicio.do).
2. Tamén se poderán presentar as solicitudes na secretaría de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2020/21. As persoas interesadas deberán cubrir a solicitude a través da aplicación «Ciclosprobas», que xerará un documento en formato PDF co formulario normalizado de solicitude, anexo I (código de procedemento ED312C), que a persoa interesada deberá imprimir e, posteriormente, presentar no centro de inscrición.