Os centros públicos admitidos no programa Proxectos de innovación educativa en dinamización Lingüística, no marco do Plan Proxecta, teñen a obriga de participar e tamén se poden presentar todos os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.
O profesorado implicado activamente no desenvolvemento dos cinco proxectos seleccionados recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 30 horas de formación permanente do profesorado para a persoa coordinadora e de 20 horas para o profesorado participante. O profesorado dos proxectos recoñecidos, de ser o caso, coa mención de honra recibirá unha certificación de accésit.
Na planificación dos proxectos durante o curso 2020/2021, o profesorado terá en conta a previsión dos posibles escenarios de ensinanza-aprendizaxe que se puideren dar en función da situación sanitaria e deseñará os proxectos para que se poidan seguir desenvolvendo nunha situación de ensino a distancia ou semipresencial.
Os centros que presentaron proxectos no curso 2019-2020 poderanos volver presentar, coas adaptacións relacionadas con posibles cambios de escenario da actividade lectiva presencial á semipresencial ou non presencial que consideren pertinentes.
O prazo de presentación das solicitudes, que se enviarán exclusivamente a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia, rematará o día 10 de marzo de 2021.