Poden participar no certame os centros educativos de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e de ensinanzas de réxime especial de Galicia.
Poden presentarse traballos nas seguintes modalidades:
a) Actividades artísticas, tales como debuxos, pinturas, maquetas, fotografías, vídeos ou calquera tipo de creación dixital, dirixida ao alumnado dos centros de educación infantil, primaria e educación especial.
b) Actividades cooperativizadas, dirixidas ao alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e educación especial.
c) Proxectos empresariais cooperativos, dirixidos ao alumnado dos centros de formación profesional e de ensinanzas de réxime especial.
O prazo de presentación das solicitudes e dos traballos remata o 30 de abril de 2021. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes e os traballos poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente, con excepción dos traballos aos que se refire a letra a) do parágrafo 5 do artigo 5 (debuxos, pinturas ou maquetas que non sexan de creación dixital), que se deberán entregar, debidamente identificados, na Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social (Consellería de Emprego e Igualdade, Edificio Administrativo de San Lázaro, 15781 Santiago de Compostela). Poderase utilizar calquera tipo de envío sempre que garanta a entrega no lugar e prazo previsto na convocatoria.