O Decreto 164/2019, do 12 de decembro, aprobou a oferta de emprego correspondente a prazas de persoal funcionario dos corpos docentes que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2020.
A disposición adicional vixésimo terceira da Lei 11/2020, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2021, establece que a taxa adicional para a estabilización de emprego temporal nos termos e condicións que regula o artigo 19.un.6 da Lei 3/2017, do 27 de xuño, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2017, incluirá ata o 100 por cento das prazas que, estando dotadas orzamentariamente, estivesen ocupadas de forma temporal e ininterrompida polo menos nos tres anos anteriores ao 31 de decembro de 2016. Este incremento do 10 por cento das prazas supón a posibilidade de que se poida aprobar unha oferta de emprego de 240 prazas máis de estabilización de emprego temporal.
Posto que a normativa aplicable aos procedementos selectivos derivados desta oferta de emprego é a mesma que a aplicable aos procedementos selectivos convocados pola Orde do 24 de febreiro de 2020, publicada no Diario Oficial de Galicia do 13 de marzo de 2020, procede que estas 240 prazas sexan acumuladas ás convocadas na referida orde e que se abra un novo prazo de solicitude exclusivamente naquelas especialidades en que se produza un incremento de prazas.
O corpo de profesores técnicos de formación profesional ten unha elevada taxa de temporalidade, polo que resulta procedente que estas 240 prazas sexan ofertadas en especialidades deste corpo.