WEB - ANPE GALICIA valora positivamente o incremento de prazas da Oferta de Emprego Público 2020 nas especialidades do corpo de Profesores Técnicos de Formación Profesional.
Tras o anuncio da Consellería da decisión de aumentar en 240 prazas a oferta de emprego público do ano 2020 para a especialidades do corpo de profesores técnicos de formación profesional, ANPE Galicia considera positivo que se aumente o número de prazas ofertadas para que non se perda ningunha das que o Proxecto de Orzamentos Xerais do Estado permite incorporar. Dita decisión de aumento de prazas responde ao recollido na Disposición vixésimo terceira dos Orzamentos Xerais do Estado, aínda pendentes de aprobación, e que permite aumentar do 90% ao 100% as prazas de estabilización de interinos nas ofertas públicas do ano 2020. Dado que Galicia ofertaba na devandita oferta pública sobre unhas 2400 prazas de acceso o aumento dese 10 % supón a oferta de 240 prazas máis que son as que hoxe se anunciaron publicamente.
Desde ANPE Galicia debemos apuntar que este aumento de prazas afecta unicamente ás especialidades que xa se recollían na oferta de emprego público aprobada polo Decreto 164/2019 do 12 de decembro de 2019 e, por tanto, non supón a oferta de prazas en especialidades diferentes ás recollidas no devandito Decreto.
A decisión da Consellería tomase neste momento porque de non facelo, afectaría á futuras convocatorias e suporía a renuncia explícita ao devandito 10% de aumento. A convocatoria publicarase a comezos de 2021, aínda que lle será de aplicación a mesma normativa que á OPE de 2020, é dicir, a recollida na orde do 24 de febreiro de 2020 (DOG do 13 de marzo) pola que se convocan procedementos selectivos de acceso e ingreso a distintos corpos docentes.
Dita decisión foi comunicada no día de onte, venres 11 de decembro, ás organizacións sindicais asinantes do acordo de interinos de Galicia (ANPE, CCOO, CSIF e UXT) e que será obxecto de negociación na Mesa Sectorial do vindeiro martes 15 de decembro.
ANPE sempre avogou por amplas convocatorias de emprego público como método máis eficaz para loitar contra a precariedade e temporalidade no sector docente, dita renuncia sería desde o punto de vista da nosa organización sindical totalmente inadmisible.
CAL SERÁ A SITUACIÓN DO PROFESORADO TÉCNICO DE FP NA FUTURA LOMLOE?
O documento da LOMLOE que foi aprobado no Congreso para continuar a súa tramitación no Senado, inclúe, como unha das súas novidades respecto ao texto orixinario, a integración no corpo de profesores de Ensino Secundario, de todos aqueles docentes do corpo de profesores técnicos de Formación Profesional que estean en posesión, á entrada en vigor da Lei, do título de Grao ou equivalente. Os funcionarios que non poidan acceder ao corpo de profesores de secundaria permanecerán no corpo a extinguir de PTFP.
Desde ANPE levabamos tempo denunciando a situación de discriminación que sufría o colectivo de PTFP, pois se lles esixía para o acceso, na práctica totalidade das especialidades, o título de Grao ou equivalente máis o Máster de formación do profesorado. É dicir, os mesmos requisitos que a normativa actual contempla para ingresar no corpo de profesores de ensino secundario, onde se encadran tamén distintas especialidades coas que se imparten módulos dos ciclos formativos.
Nas reunións mantidas desde ANPE coas distintas asociacións e plataformas de profesores técnicos, sostivemos e defendemos que a solución debería pasar pola integración no grupo funcionarial A1 e non, como outros sindicatos expoñían, coa creación dun complemento económico, que non sería senón un parche que non resolvería o problema da discriminación sufrida e que se faría aínda máis patente no momento da xubilación deste profesorado que seguiría pertencendo ao grupo A2.
A solución que expón a LOMLOE, no caso de que a Lei continúe coa súa tramitación e sexa finalmente aprobada, vai na liña do que ANPE sempre defendeu: a integración de todos os corpos docentes no mesmo grupo funcionarial, pero tal como aparece é unha medida insuficiente e preocupante.
Por unha banda, esquécese do profesorado pertencente ao corpo de profesores técnicos de FP funcionarios de carreira que non teña, á entrada en vigor da Lei, o título de Grao ou equivalente, relegándolle a quedar no corpo a extinguir de PTFP, sen darlles unha saída para poderse integrar no corpo superior nin respostas sobre retribucións, condicións laborais ou mobilidade. E, doutra banda, preocúpanos especialmente que vai pasar co colectivo de persoal interino e substituto que so posúe a titulación de técnico superior e so podería ser contratado como profesorado “especialista”.
A isto hai que engadir que tamén se esquecerían do profesorado integrado nos corpos de mestres de taller de artes plásticas e deseño e no corpo de mestres, que poden cumprir con ese requisito, o que supón unha importante discriminación a ese profesorado como pertence ao grupo A2.
Para ANPE, a futura LOMLOE debería incluír o compromiso da integración de todo o profesorado no grupo A1, a reconfiguración dos actuais corpos docentes e, no marco normativo dun Estatuto da función pública docente regular, ademais, o ingreso e acceso duns corpos docentes a outros, unha verdadeira carreira profesional, ademais de regular e consolidar por Lei un sistema de xubilación anticipada para o profesorado.