Resolución sobre horarios e ensino virtual ante a Covid-19


04 Nov, 2020

WEBResolución da Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional pola que se ditan instrucións para a elaboración de horarios nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2020-2021 para o desenvolvemento de ensino a distancia en períodos de peche de aulas ou centros como consecuencia da pandemia da COVID-19.

A presente resolución será de aplicación ós centros educativos sostidos con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia para o alumnado de terceiro de educación primaria en adiante.

O protocolo establece que o ensino non presencial será impartido polo profesorado ordinario do alumnado preferentemente a través da aula virtual de cada grupo.

O profesorado realizará o seguimento do alumnado impartindo os coñecementos da materia de xeito virtual a través dos contidos dispoñibles ben achegados polo profesorado ou ben os que poña a disposición a Consellería. Igualmente o profesorado poderá poñer tarefas ao alumnado que reforcen o contido da materia ou a avaliación continua da mesma.

Este horario para o docencia a distancia, de obrigado cumprimento para o alumnado e profesorado, e referencia para as familias, deberá establecer un orde no proceso formativo similar ao ensino presencial, que permita avanzar nas programacións das áreas, ámbitos, materias ou módulos pero sen obrigar ao alumnado e ao profesorado a unha conexión continua, para conseguir que o proceso ensino aprendizaxe sexa o máis efectivo posible.

- O/a titor/a informará aos pais nais ou titores legais do alumnado menor de idade e ao alumnado maior de idade das normas que se establezan polo centro para esta modalidade de ensino-aprendizaxe, así como do control de asistencia e participación a través dos medios telemáticos, que realizará diariamente o profesor mediante as ferramentas habituais, e das súas consecuencias no proceso de avaliación que o equipo docente ten establecido na súa programación didáctica.

- O/a orientador/a do centro educativo, no horario establecido pola dirección do centro, velará polo cumprimento do Plan Xeral de Atención á Diversidade, coordinará a atención ao alumnado NEE por parte do persoal adscrito ao departamento de orientación, realizará as correspondentes reunións telemáticas para o desenvolvemento e seguimento do Plan de Acción Titorial, realizará as súas funcións, establecidas no artigo 6 do Decreto 120/1998, do 29 de abril, empregando as distintas ferramentas dixitais, ben a demanda dos titores/as ou dos pais/nais ou titores legais do alumnado.

- A dirección do centro, a través da xefatura de estudos, requirirá ao final de cada semana unha relación de actividades que realizou o profesorado co alumnado no horario establecido, de acordo co modelo que se achega (Anexo-1)

- Na distribución horaria semanal que se estableza deberá figurar unha sesión de titoría para alumnado, e unha sesión de titoría para familias, nas que o/a titor/a desenvolverá as funcións que lle son propias.

A información sobre os distintos servizos educativos dixitais está dispoñible no seguinte enderezo https: //www.edu.xunta.gal/espazoAbalar/espazo/servizos-dixitais.