A Lei orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, modificou o artigo 134.1 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, incluíndo entre os requisitos para poder participar no concurso de méritos para a selección de directores e directoras de centros públicos "estar en posesión da certificación acreditativa de ter superado o curso de formación sobre o desenvolvemento da función directiva".
Esta formación está regulada no Real Decreto 894/2014, do 17 de outubro, do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, en base ó cal se realiza este curso que acreditará para o acceso a postos de dirección en centros docentes sostidos con fondos públicos que impartan as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, de educación.
Resolución do 13 de outubro de 2020: Convocatoria
Ofértanse 200 prazas para toda a Comunidade Autónoma.
Poderá solicitalo todo o persoal funcionario dos centros docentes públicos que impartan as ensinanzas reguladas pola Lei orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación: o persoal funcionario de carreira terá prioridade na selección.
O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.
A presentación e xestión de solicitudes de participación realizarase a través da plataforma de formación do profesorado FProfe: https://www.edu.xunta.es/fprofe .
O curso terá unha duración de 150 horas que se desenvolverán en rede, a través de Platega (https://www.edu.xunta.es/platega2). A súa temporalización está prevista para os meses de novembro de 2020 a marzo do vindeiro ano.
Quen estea en posesión dun máster ou título de posgrao de carácter oficial sobre a dirección e xestión de centros docentes quedará exento da realización e avaliación de todos os módulos troncais, agás o módulo referido ao “Proxecto de dirección”, tendo que cursar tamén o módulo específico da comunidade e o referido a prevención e seguridade fronte á COVID-19, e non computará a efectos das prazas ofertadas.
As persoas que xa teñan a habilitación ou acreditación, ou ocuparan o posto de dirección nos cinco anos seguintes á entrada en vigor da Lei 8/2013, de 9 de decembro, poderán facer o curso de actualización das competencias directivas, que se convocará nos vindeiros días, para poder participar nos procedementos selectivos de direccións de centros públicos, e que terá unhas características similares pero cunha duración de 75 horas lectivas.